Neste momento estás a ver En Narón, as froitas e as verduras mércanse en galego

En Narón, as froitas e as verduras mércanse en galego

  • Categoría da entrada:Novas

A concelleira en funcións de Ensino, Mercedes Taibo, desprazouse onte á froitería Claudia, no Centro Comercial Narón, para presentar unha das iniciativas do proxecto Xera, impulsado polo Servizo de Normalización Lingüística, na que participou alumnado de ESO do IES As Telleiras para animar a que a xente use o galego cando merca nas froitarías de Narón:  Froitas e verduras en galego.

Carmen Gálvez Castro, Claudia Rego Serantes, Uxía López Sánchez, Ayelén Rodríguez Villarino, Marcos Vidal Bouza, Bianca Mouriz Rosa, Blanca Vidal Vilela, Mª Teresa Pacheco García, Raúl Villares Vázquez e Alba Vieito Vázquez,  alumnado de 4º da ESO, deseñaron uns carteis con froitas e verduras para mostrarlle á clientela o seu nome en galego e que se anime a mercalas empregando esta lingua e contaron co apoio de Verónica Hermida e Estefanía Mosquera, docentes do centro.

Os carteis estarán colgados nas seguintes froitarías que colaboraron co alumnado:  Pan de Fruta, Frupan, Claudia Frutas y Verduras, A Tenda de Chelo,  Améndoa, Alvariño, Tenreiro e o Covirán do Alto do Castiñeiro; e tamén poden  recollelos no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón todas aquelas froitarías ou tendas que vendan froita e verdura que  desexen contar no seu establecemento con estes materiais.

Ademais, as froitarías que queiran participar nesta iniciativa recibirán  xogos de cartas coas froitas e verduras deseñadas polo alumnado para que as repartan entre a súa clientela máis nova co obxectivo de achegarlles novos recursos infantís en galego ás nenas e nenos e promover o uso desta lingua neste grupo de poboación, fundamental para o futuro do galego.

Esta iniciativa inclúese dentro do proxecto Xera, un proxecto impulsado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón que busca aproveitar as propostas normalizadoras que nos achega o alumnado de ESO para incrementar a presenza da lingua galega no municipio e na que poden participar todos os centros educativos de Narón.

Pódese consultar máis información sobre este proxecto e descargar os materiais deseñados na web do Servizo de Normalización Lingüística no enlace https://naronengalego.gal/dinamizacion/#xera