Neste momento estás a ver Os Gandariños do CPR Santiago Apóstol de Narón á final do Club de Debate 2024

Os Gandariños do CPR Santiago Apóstol de Narón á final do Club de Debate 2024

  • Categoría da entrada:Mocidade

Onte desenvolveuse en Santa Comba a fase clasificatoria do Club de Debate Alingua entre alumnado dos concellos de Narón e de Ferrol. Participaron un total de 7 equipos, tres deles do IES Terra de Trasancos e do CPR Santiago Apóstol de Narón, e catro do IES Canido, do IES Concepción Arenal e do IES Saturnino Montojo de Ferrol e o tema a debater foi “Débense prohibir os teléfonos móbiles nos institutos?”, un tema de actualidade para a rapazada. O alumnado participante tivo que defender a postura a favor e a postura en contra achegando argumentos, e rebatendo os do equipo contrincante.

Nesta fase clasificatoria, os dous equipos gañadores desta xornada, o IES Canido de Ferrol e os Gandariños do CPR Santiago Apóstol de Narón, recibiron un premio valorado en 800 e 500 euros respectivamente e pasan á final que terá lugar en Val do Dubra o 13 de abril, xunto cos gañadores das outras fases clasificatorias que se desenvolven estes días tamén en Santa Comba e na que participa alumnado dos concellos de Pontevedra, Rois, Teo, Padrón, Santiago de Compostela, Carballo, Santa Comba e Val do Dubra. Os debates foron valorados por un xurado composto por especialistas do ámbito da comunicación e da normalización lingüística, que avaliou  aspectos como a calidade, orixinalidade e pertinencia na argumentación; a capacidade de refutación; a calidade lingüística e a capacidade de oratoria; a comunicación non verbal; ou o funcionamento como equipo e a seguridade e manexo da situación.

O Club de Debate Alingua é un programa dirixido a alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º de bacharelato no que participan varios concellos galegos, entre eles Narón, que promove e valora o uso oral do galego, a reflexión , a tolerancia e o traballo en equipo na mocidade. Coñece máis este proxecto a través do seu Facebook, Instagram, e Youtube.