Servizo de Normalización Lingüística

Concello de Narón

Dende o Concello de Narón levamos anos traballando para que o galego, a nosa lingua propia, recupere todas as funcións e dereitos que lle son propios e que se use con normalidade en todos os ámbitos e situacións.

Sabemos que para que este obxectivo se cumpra aínda queda moito camiño por andar e moitos obstáculos que superar, pero cada paso conta. E entre os pasos dados podemos salientar que contamos cun Servizo de Normalización Lingüística, un departamento técnico indispensable no proceso de extensión do uso e da normalización do galego na Administración local e no termo municipal.

O Servizo de Normalización Lingüística ten como finalidade incrementar o uso e o prestixio da nosa lingua en todos os ámbitos do termo municipal. Este departamento, á parte do seu labor interno na propia Administración local, tamén lle presta o seu servizo a calquera persoa particular, empresa, asociación ou entidade do municipio que o demande, tanto de asesoramento lingüístico como de tradución e corrección de textos. Entre as funcións que desenvolve atópanse as de dinamización, asesoramento e formación lingüística.

Este servizo foi creado en 2009 a través dun convenio de colaboración coa Deputación da Coruña para a creación ou mantemento dos servizos de normalización lingüística. Dende a súa creación ata a actualidade o servizo percibiu diferentes achegas económicas para o seu mantemento por parte da Deputación da Coruña e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A tendencia nos últimos anos é a colaboración en materia de dinamización lingüística con diferentes entidades para unir esforzos a prol normalización do galego. Boa conta disto dá a participación do Concello de Narón no proxecto Apego e no Club de Debate ou a súa adhesión á Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e á Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega.

Descarga:

Ordenanza de normalización lingüística

Contacto:
  • Servizo de Normalización Lingüística
    Concello de Narón
  • Enderezo:Praza de Galicia s/n. 15570
  • Teléfono:981 337 700 (ext 1516)