No Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón levamos a cabo diferentes programas de dinamización lingüística para avanzarmos na normalización social do galego.

Obradoiros de acollemento lingüístico

Son cursos gratuítos dirixidos a aquelas persoas, maiores de idade, que queren achegarse por primeira vez á lingua e á cultura galegas, especialmente para aquelas persoas que levan pouco tempo vivindo en Galicia.

Estes obradoiros buscan que o alumnado participante adquira unhas nocións básicas de lingua e cultura galegas para que se familiaricen co idioma, cos costumes, tradicións,… co obxectivo de favorecer a integración social.

Teñen unha duración de 30 horas e, ao remate, entrégase un diploma de aproveitamento do curso. As clases son impartidas en lingua galega.

As convocatorias dos obradoiros publícanse nesta web (no apartado de actividades).

As nosas tradicións

Galicia é sinónimo de cultura, de celebración, de lingua e así o demostran o festexo das súas tradicións máis ancestrais: o magosto, o Samaín, a esfolla, O Nadal, o Entroido, Os Maios, o San Xoán,…

Esta iniciativa busca presentarlles ás familias das escolas infantís municipais de Narón as tradicións galegas máis emblemáticas, e como as festexamos en Narón, así como algunhas das celebracións institucionais máis importantes para a lingua galega e a nosa cultura como o Día das Letras Galegas, o Día de Rosalía, o Día de Narón,… E tamén que as familias coñezan o Apego e os seus recursos, un programa que nace para facilitar a crianza en galego desde o berce.

Para acadar este obxectivo, o Servizo de Normalización Lingüística entrega ao longo do curso nas escolas infantís municipais da Solaina, Piñeiros e A Gándara, coincidindo coas principais celebracións culturais, materiais para as familias que inclúen información destas tradicións, curiosidades, lingua, recursos e como se viven en Narón. Tamén podedes descargar estes recursos nesta web.

En Narón, galego viaxeiro

Galego de supervivencia para persoas viaxeiras

En Narón, galego viaxeiro é unha guía, editada polo Concello de Narón, dirixida ás persoas que visitan Narón e que queren probar a expresarse en galego durante a súa estadía.

Inclúe os idiomas galego, español e inglés e vocabulario e fraseoloxía útil para empregar en bares e restaurantes; para coñecer xente; para preguntar por algún enderezo; para visitar os lugares emblemáticos do municipio; para saber como se chaman os animais, árbores ou plantas que podemos ver no contorno ou para falar sobre o socorrido tema do tempo, así como refráns e expresións populares, que buscan facilitar unha experiencia única aos e ás turistas que ademais de coñecer Narón, queren vivir unha aventura lingüística.

Namórate da nosa lingua, namórate de Narón!!!

Youtubeiras+ é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos galegos, entre eles Narón, así como a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, dirixido a estimular a creación en galego na Rede e dar a coñecer o talento das persoas creadoras en galego na Rede.

Dentro de Youtubeiras+ e coa finalidade de dar a coñecer o que se está a facer en galego na Rede, inclúense as seguintes accións:

  • Obradoiros de creación de contidos, que buscan mostrar referentes na creación de contidos na nosa lingua, fomentar o consumo e incentivar a creación de contidos audiovisuais en galego nas redes sociais, dotar de ferramentas, habilidades prácticas e estratexias para xerar contido de impacto para as redes sociais e dar a coñecer o proxecto Youtubeiras+ e o seu certame.
  • Premios Youtubeiras+, dirixidos a todas as persoas maiores de 16 anos con canles autoproducidas nas redes sociais. As bases do certame inclúen premios cunha contía de 7500 euros repartidos entre sete categorías, nas que se valoran aspectos como a creatividade, as aptitudes comunicativas, a repercusión ou a calidade lingüística. Entre estas categorías inclúese un premio para un vídeo proposto polo público que non concorrese directamente ao concurso.
  • Gala Youtubeiras+, unha gala de entrega de premios á que asisten todas as persoas finalistas do certame e na que se dan a coñecer os nomes das persoas gañadoras.

Convidámosvos a que visitedes a web youtubeiras.gal na que atoparedes toda a información, e as redes sociais TikTok, Youtube,  Facebook, Instagram e X

Propostas normalizadoras

Un proxecto que busca aproveitar a creatividade, o potencial, a capacidade, a enerxía, as boas ideas e a iniciativa da mocidade de Narón para incrementar a presenza da lingua galega no municipio.

É unha iniciativa dirixida ao alumnado de ESO dos centros educativos de Narón, coordinada a través dos EDLG, para coñecer as medidas, as ideas que propón a rapazada para impulsar a normalización lingüística en diferentes ámbitos e sectores do concello.

Pero ademais das ideas está a participación, a implicación e o traballo. O SNL elixirá aquelas propostas normalizadoras que teñan un maior impacto no uso e na imaxe da lingua galega para desenvolvelas en colaboración co alumnado.

Os centros educativos do concello de Narón que impartan ESO e que estean interesados en participar poden poñerse en contacto co SNL no correo electrónico a.pita@naron.gal.

Froitas e verduras, en galego

Carmen Gálvez Castro, Claudia Rego Serantes, Uxía López Sánchez, Ayelén Rodríguez Villarino, Marcos Vidal Bouza, Bianca Mouriz Rosa, Blanca Vidal Vilela, Mª Teresa Pacheco García, Raúl Villares Vázquez e Alba Vieito Vázquez, alumnado de 4º da ESO do IES As Telleiras desenvolveron no curso académico 2022-2023 a proposta normalizadora: Froitas e verduras, en galego.

Esta proposta ten como obxectivo incrementar a presenza do galego nas froitarías de Narón, mostrándolle á clientela os nomes das froitas e das verduras en galego para que se anime a mercalas empregando esta lingua.

O alumnado deseñou un cartel que contén o nome de froitas e verduras en galego, que se repartiu entre as froitarías de Narón. O deseño editouse en diferentes formatos para darlle unha maior difusión entre as veciñas e veciños.

Ademais, as froitarías recibiron xogos de cartas infantís coas froitas e verduras deseñadas polo alumnado para repartir entre a súa clientela máis nova co obxectivo de achegarlles novos recursos infantís en galego ás nenas e nenos e promover o uso desta lingua neste grupo de poboación, fundamental para o futuro do idioma.

Coida a túa lingua

Alumnado de 1º da ESO do IES As Telleiras desenvolveu no curso académico 2023-2024 a proposta normalizadora: Coida a túa lingua

O alumnado deseñou un xogo de cartas con léxico galego do ámbito sanitario para repartir nas salas de pediatría dos centros de saúde de Narón co obxectivo de que nenas e nenos aprendan dunha forma divertida o nome dalgunhas especialidades médicas e doenzas.

Consigue o xogo de cartas no teu centro de saúde ou descárgao e imprímeo para xogar coas e cos peques da casa!!!

Guizo é un proxecto que busca mellorar a socialización en lingua galega das nenas e nenos de 6 a 12 anos creando un espazo de lecer para familias que xire ao redor do contacto coa natureza e do seu coidado e respecto.

A natureza é un ben que debemos coidar e no que as nenas e nenos se poden divertir e aprender. Guizo busca ofrecer un lecer máis natural, afastado de pantallas, que fomente a creatividade, que valore a importancia de coidar a natureza, que achegue coñecementos que as crianzas poidan trasladar á súa vida cotiá, e, en definitiva, que vivan unha experiencia divertida e emocionante, en galego.

Guizo organiza actividades para vivir e gozar en familia, nas que nenos, nenas e maiores poderán reciclar, construír xoguetes ou xogar con materiais da natureza, plantar sementes e coidalas, facer sendeirismo para coñecer o seu contorno…

Pódese consultar toda a información sobre as actividades programadas nesta web (no apartado de actividades).

Obradoiros de regueifas

Unha acción formativa que busca familiarizar o alumnado de ESO dos centros educativos de Narón coa regueifa, un xénero de improvisación oral do patrimonio cultural galego que atrae a mocidade polo enxeño e a creatividade que implica e, por medio dela, promover o uso da lingua galega.

Quen pode participar?

Os centros educativos do concello de Narón que impartan ESO. Poden solicitar os obradoiros a través do enderezo electrónico do SNL a.pita@naron.gal.

En que consiste?

A regueifa é unha disputa dialéctica improvisada en verso polo que se traballan contidos como a estrofa, a rima, a tonada, o verso, a musicalidade…, todas elas características intrínsecas da poesía, así como a arte da improvisación e da retranca nunha sesión de hora e media de duración, en horario escolar e será impartido por unha regueifeira ou regueifeiro con experiencia na poesía improvisada.

A mocidade ten moito que regueifar en galego!!!

Do berce á rúa

Recursos lúdicos e educativos en galego para as familias que tedes nenos e nenas de entre 0 e 6 anos para apoiarvos coa crianza nesta nosa lingua propia e para o persoal que traballa en espazos de socialización como escolas infantís, ludotecas,…

Os nenos e as nenas poden aprender e divertirse en galego!!! Atoparedes en formato audiovisual contos sobre a amizade, vídeos para aprender os nomes dos animais da granxa, dos bichiños, da froita,… e moito máis!!

Apego nace para axudar á socialización en galego das nenas e dos nenos desde o berce, para arroupar a crianza en galego desde a primeira infancia.

Apego é un programa colectivo no que participan varios concellos galegos, entre eles Narón, dirixido ás familias e ao contexto social dos nenos e nenas nos seus primeiros anos de vida

Como axuda á socialización en galego?

  • Achega argumentos que convidan á reflexión sobre a importancia da crianza en galego.
  • Crea e difunde recursos, materiais e actividades que axudan á socialización en galego.
  • Procura a existencia de redes e comunidade que sosteñen e apoian o uso do galego.

A quen vai dirixido?

A familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos e persoal que traballa en espazos de socialización como escolas infantís, ludotecas,…

Como formar parte do Apego?

Para todas as familias que estades agardando un bebé ou que teñades crianzas de ata 6 anos e que queredes que o galego forme parte da vosa vida podedes adherirvos ao programa Apego a través da súa web ou podedes visitar o Servizo de Normalización Lingüística, onde vos explicaremos polo miúdo o proxecto e, ademais, levaredes como agasallo unha caixa de benvida.

Apego en rede

Convidámosvos a que visitedes o web, o Facebook e a canle de Youtube do Apego

Apego arroupa a crianza en galego!!!

O Club de Debate Alingua é un certame de debates que pretende promover o uso oral do galego, a reflexión, o pensamento crítico, a tolerancia ante a diversidade de opinións e o traballo en equipo na mocidade.

Este programa, impulsado por varios concellos galegos, entre eles Narón, vai dirixido ao alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato, ou cursos equivalentes dos ciclos formativos, dos concellos participantes.

Os equipos participantes estarán formados por un mínimo de catro membros e un máximo de dez, máis unha persoa preparadora (persoal docente ou PAS) que será quen se encargue de adestrar, asesorar e representar o equipo.

O Club de Debate desenvólvese en dúas fases (fase clasificatoria e final) nas que todos os equipos defenden a postura a favor e en contra do tema proposto. Os equipos coñecerán os temas meses antes do desenvolvemento do certame para dispoñer de tempo para preparalos e tamén asistirán a unha xornada formativa en habilidades comunicativas.

Os equipos gañadores das fases clasificatorias e da final obteñen premios cos que acceden a contidos culturais ou a experiencias de convivencia e animación lingüística.

Os centros de ensino secundario de Narón interesados en participar podedes informarvos no SNL do desenvolvemento, inscrición, premios,…

Sigue o Club de Debate no Facebook, Instagram e Youtube

A mocidade ten moito que dicir en galego!!!

O nobelo do tempo en Narón

Temos infinidade de panxoliñas, adiviñas, cantos de berce, contos, lendas, refráns en lingua galega que acompañaron desde hai séculos os galegos e galegas durante as xeiras de traballo, nos momentos de lecer en romarías e festas, nos xogos dos máis pequenos,… Forman parte da literatura popular galega que é unha das máis fermosas manifestacións da nosa cultura e que constitúe unha herdanza inestimable que debe seguir pasando de xeración en xeración, pois é un vehículo de transmisión da nosa lingua, das nosas crenzas, dos nosos costumes e da forma de vivir e de pensar dos nosos devanceiros.

Hoxe en día, a maioría da xente nova descoñece este prezado e valiosísimo patrimonio cultural, por ese motivo o Servizo de Normalización Lingüística realizou unha recolleita en 2013 e 2014 de elementos propios da nosa cultura popular que plasmou no libro O nobelo do tempo en Narón, do que hai dúas publicacións.

O nobelo do tempo en Narón nace grazas á colaboración de moitos veciños e veciñas de Narón que quixeron contribuír poñendo o seu gran de area. Moitas desas persoas participan nas actividades do Centro Municipal Manuela Pérez Sequeiros, na Fundación Terra de Trasancos do Val, na Sociedade Cultural Areosa de Piñeiros ou na Asociación da Terceira Idade de Pedroso, mais tamén participou alumnado do CPR Ayala e do CPR Santiago Apóstol.

Queremos agradecerlle o seu labor a todas as persoas que participaron neste proxecto de recolleita e difusión da literatura popular galega pois coas súas achegas permiten que se poida conservar este tesouro e con el a nosa identidade como pobo, a nosa cultura e o noso idioma, e tamén que o poida coñecer a mocidade. Moitas grazas por participar!!!

Coñeces algún conto, refrán adiviña, canto de berce, lenda, romance, panxoliña, rimas e xogos infantís, trabalinguas, coplas, enredos,…? Compárteo co SNL a través do correo electrónico a.pita@naron.gal e darémoslle difusión.

Se queredes coñecer este sensacional traballo podedes descargar os libros aquí:


Consulta o blog O nobelo do tempo en Narón no que está recollido gran parte do traballo do alumnado do Curso de Creación de Blogs, Curtas e Literatura Popular Galega: Do Conto ao Cine, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística en 2014. A partir do material recollido no libro O nobelo do tempo, e unha vez adquiridos coñecementos básicos en creación de curtas e blogs, este alumnado animouse a crear dúas curtas, Valor de día e Cada can que lamba o seu, curtas que podedes ver neste blog, así como fotos ou momentos das gravacións. Estas dúas curtas, ademais de partir de elementos da nosa literatura popular, son dous proxectos audiovisuais moi amenos e cos que o pasaredes moi ben e botaredes unhas risadas. Tampouco vos podedes perder a curtametraxe Narón, unha cidade XL que creou este mesmo alumnado para conmemorar que en 2014 Narón chegou aos 40.000 habitantes.

Felicita o Nadal en galego

Cando se achegan estas datas tan sinaladas sempre buscamos unha forma orixinal, entrañable ou sorprendente de desexar un bo Nadal á familia e ás amizades, sobre todo a aquelas persoas que non temos preto de nós.

Desde o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón queremos animarvos a todas e a todos a que felicitedes o Nadal en galego, a que empreguedes esta lingua nosa, propia, única e marabillosa, para desexarlles unhas felices festas ou un venturoso ano aos vosos seres queridos.

Poñemos á vosa disposición varias postais para felicitar o Nadal en galego. Podedes descargalas e enviarllas á familia e amizades a través das redes sociais, aplicacións móbiles, correo electrónico,… ou se elixides unha opción máis tradicional, podedes imprimilas e envialas por correo postal.

Ademais, se queredes crear os vosos propios textos de felicitación en galego e non vos sentides con seguridade na escrita desta lingua, podedes envialos ao correo a.pita@naron.gal e farémoslle unha revisión lingüística, de balde.

O Nadal é un tempo de xuntanzas familiares, de desexos, de promesas, de ilusións, de soños, de brindes e, como non, de felicitacións.

Aquí vos deixamos varias postais para que escollades a que máis vos guste:

Narón gaña co galego

Esta iniciativa ten por obxecto proporcionarlle ao comercio local de Narón a formación, os recursos e materiais e o asesoramento lingüístico precisos para que o persoal poida desenvolver a súa actividade profesional en galego; e tamén quere animar ao uso da lingua, para que a lingua galega gañe presenza nos comercios de Narón.

Os comercios de Narón interesados poden solicitar no SNL: asesoramento lingüístico, formación específica e os materiais dispoñibles.

Asesoramento lingüístico.– Resolución de consultas lingüísticas, corrección de textos breves (para publicacións en redes e webs, rótulos, información para folletos, publicidade,…)

Formación.– Accións formativas que buscan incluír o galego como lingua comercial: mellorar a comunicación e a imaxe do comercio nas redes sociais, venda en liña, técnicas de atención ao público, vantaxes do uso do galego no comercio,…

Materiais.– O SNL deseñou algúns materiais para incrementar a presenza do galego no comercio local como un cartel de atención en galego, imaxes para as principais campañas comerciais, adhesivos para agasallos, rótulos para escaparates, stickers para o WhatsApp,… Podedes pedilos no SNL en formato impreso ou descargalos aquí:

Dinamización lingüística

Obradoiros de cantos de Nadal

Estes obradoiros buscan poñer en valor a celebración do Nadal en galego, coa recuperación dos cantos de Nadal, ademais de visibilizar o comercio local de Narón e incrementar a presenza do galego neste sector.

Desenvólvense polo Nadal coa colaboración da Asociación de Comerciantes de Narón.
As persoas participantes aprenden cantos de Nadal tradicionais e, despois van polos comercios, que se apuntan previamente, a cantalos e a pedir o aguinaldo. Diversión, tradición, comercio e lingua!!!

Dinamización lingüística: Obradoiros de cantos de Nadal

Alingua nace en 2019 como asociación de entidades locais coa vontade de promover, coordinar, dinamizar, impulsar, asesorar, apoiar, fomentar… todas aquelas accións que teñan como fin un maior uso da lingua galega.

Forman parte dela numerosos concellos galegos, entre os que se atopa Narón, que xa colaboraban, a través dos seus servizos de normalización lingüística, en proxectos colectivos como o Apego, o Club de Debate, Youtubeir@s ou Enreguéifate e poderanse unir todas aquelas entidades locais que o desexen, sempre que conten cun servizo de normalización lingüística, así como entidades públicas ou privadas, que teñan entre os seus obxectivos a defensa e promoción da lingua galega, en condición de entidades amigas.