Neste momento estás a ver Apego pola lingua

Apego pola lingua

  • Categoría da entrada:Recursos

Recursos infantís en galego hai unha morea. O outro día falabámosvos da web Do berce á rúa, pero queremos falarvos tamén doutro importante proxecto que nace para axudar á socialización en galego das nenas e dos nenos desde o berce, para arroupar a crianza en galego desde a primeira infancia, o Apego.

Apego é un programa colectivo no que participan varios concellos galegos, entre eles Narón, dirixido ás familias e ao contexto social dos nenos e nenas nos seus primeiros anos de vida

Como axuda á socialización en galego?

  • Achega argumentos que convidan á reflexión sobre a importancia da crianza en galego.
  • Crea e difunde recursos, materiais e actividades que axudan á socialización en galego.
  • Procura a existencia de redes e comunidade que sosteñen e apoian o uso do galego.

A quen vai dirixido?

A familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos e persoal que traballa en espazos de socialización como escolas infantís, ludotecas,…

Como formar parte do Apego?

Para todas as familias que estades agardando un bebé ou que teñades crianzas de ata 6 anos e que queredes que o galego forme parte da vosa vida podedes adherirvos ao programa Apego a través da súa web ou podedes visitar o Servizo de Normalización Lingüística, onde vos explicaremos polo miúdo o proxecto e, ademais, levaredes como agasallo unha caixa de benvida.

Apego en rede

Convidámosvos a que visitedes o web, o Facebook e a canle de Youtube do Apego

Apego arroupa a crianza en galego!!!