Neste momento estás a ver A regueifa regresa aos centros educativos de Narón

A regueifa regresa aos centros educativos de Narón

  • Categoría da entrada:Mocidade

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón organiza unha nova edición dos obradoiros de regueifas, unha acción formativa que busca familiarizar o alumnado asistente coa regueifa, un xénero de improvisación oral do patrimonio cultural galego que atrae a mocidade polo enxeño e a creatividade que implica e, por medio dela, promover o uso da lingua galega.

Os obradoiros, dirixidos a alumnado de ESO dos centros educativos de Narón serán impartidos entre febreiro e abril pola regueifeira Guadalupe Blanco Vázquez, que conta cunha ampla experiencia no terreo deste xénero e nesta edición participarán uns 300 alumnos e alumnas de 4 centros do municipio, o IES As Telleiras, IES Terra de Trasancos, CPI do Feal e CPR Jorge Juan.

As primeiras xornadas de regueifa serán impartidas o próximo 2 de febreiro no CPI do Feal, nas que o alumnado traballará contidos como a estrofa, a rima, a tonada, o verso, a musicalidade…, todas elas características intrínsecas da poesía, así como a arte da improvisación e da retranca.