Neste momento estás a ver Youtubeiras + cumpre 10 anos en Rede

Youtubeiras + cumpre 10 anos en Rede

  • Categoría da entrada:Mocidade / Xeral

Despois de dez anos apoiando e apostando polas persoas que crean contidos en galego na rede, Youtubeiras+ chega á súa décima edición baixo o lema: Dez anos en rede. Unha edición que pretende celebrar o talento das persoas que crean contido nas redes sociais á vez que recoñecer o traballo daquelas persoas pioneiras no uso do galego en Internet.

Youtubeiras+, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos galegos,-entre eles Narón-,  das tres universidades e da Deputación da Coruña co obxectivo de promover o talento en galego nas redes sociais, lanza nesta edición un novo premio honorífico para distinguir a traxectoria de persoas e iniciativas no eido da creación dixital na nosa lingua. Esta é a gran novidade que trae a décima edición dos Premios Youtubeiras, cuxas bases xa se poden consultar en www.youtubeiras.gal.

 

Prazo de inscrición e categorías dos premios

O prazo de inscrición manterase aberto ata as 23.59 horas do día 15 de novembro. O certame, que repartirá 7500 euros entre as persoas premiadas, divídese en sete categorías: Canle, Creación de contidos, Pódcast, Revelación, Calidade lingüística, Rede e Premio do Público. Os dous primeiros apartados contarán cunha dotación económica de 1250 euros e as cinco restantes, de 1000 euros.

Estas son as liñas mestras que definen esta nova edición dos Premios Youtubeiras+, que se desenvolverán baixo o lema Dez anos en rede. Así o explicaron en rolda de prensa o alcalde de Ames, Blas García Piñeiro; o alcalde de Carballo, Daniel Pérez López; a concelleira de Lingua do Concello de Teo, María Vázquez Rey, e a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela, Ana Cabana Iglesia.

Tamén quixeron poñer en valor a estreita colaboración entre as diferentes institucións implicadas, así como a pluralidade de sensibilidades que conviven na organización deste certame, unha garantía para seguir impulsando o talento dixital en galego  e para ofrecer espazos á comunidade creadora.

 

A formación e o xurado

As persoas que conforman o xurado que escollerá as canles e persoas gañadoras deste ano: son o músico e produtor Nuno Pico, a comunicadora audiovisual Eira Losada, a creadora de contido e publicista Nuria Grandío, a escritora Emma Pedreira e a guionista e directora Bea Saiáns.

A formación é un piar fundamental de Youtubeiras+. “Este é un proxecto pensado por e para o futuro. Para avanzar, para progresar e para mellorar consideramos esencial afondar na formación desde diferentes perspectivas: a calidade técnica, o uso da lingua, a creatividade, a planificación estratéxica…  Nesta nova edición ofertaranse tres obradoiros: María Rúa ofrecerá a sesión titulada Como ser unha ‘turras’ sen parecelo o 7 de outubro, Nuria Grandío impartirá o taller Crear contidos con estratexia: das ideas ás redes sociais o 14 de outubro e Nee Barros encargarase do obradoiro Conecta en galego: diversidade, talento e redes sociais o 21 de outubro. Celebraranse todos eles en liña e serán de balde, previa inscrición.

 

Pódense consultar as bases do certame e a programación de formación prevista na web de Youtubeiras+ www.youtubeiras.gal

Descarga o cartel