Neste momento estás a ver Usa a túa lingua e pásaa!!

Usa a túa lingua e pásaa!!

  • Categoría da entrada:Xeral

É TÚA. PÁSAA!

Este é o lema da campaña de Alingua para este 2023, lema que fai unha chamada á acción: usa e transmite a túa lingua, o galego”.

Temos unha lingua única, propia, sintámonos orgullosos e usémola! E para lle dar corpo a este desexo, Alingua creou un vídeo musical cun tema orixinal de Fátima Pego, recoñecida cantante e comunicadora, e Grande Amore, destacado artista do panorama musical actual, que convida a coidar, e sobre todo, a usar a nosa lingua.

Esta campaña ten por obxecto mostrar o orgullo de ter unha lingua propia, animar a que as persoas falen galego, que usen e transmitan a lingua, sobre todo cos máis pequenos que son o futuro do idioma, pero tamén quere animar a que aquelas persoas que non falan galego, dean o paso, proben a usar a lingua.

Para que veciñas, veciños, comercios, escolas, asociacións, empresas, entidades… vos unades á campaña e fagades visible o voso compromiso coa lingua, desde o Concello de Narón achegámosvos material promocional –vinilos, bandeirolas e caramelos– que podedes solicitar no Servizo de Normalización Lingüística para que os coloquedes nun sitio visible e mostrar así o voso apoio ao idioma.

       

A partir do mes de maio iranse presentando accións novas dentro da campaña É túa. Pásaa!, a maioría delas dirixidas principalmente á mocidade, como por exemplo  O GRAN RETO, unha webserie na cal tres persoas castelanfalantes asumen o reto de vivir en galego durante 21 días e que xa podedes seguir nas redes sociais de Alingua (Facebook, Instagram e Youtube). As persoas participantes serán capaces de superar o reto?? Animámosvos ás persoas castelanfalantes a que probedes este gran reto, a que empreguedes o galego 24/7 durante 21 días (e máis, por suposto). Atrevédesvos?

 

Coñeces Alingua?

Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, é unha asociación que ten como obxectivo a defensa e a promoción do uso da lingua galega a través da cooperación entre entidades do ámbito local e da que forma parte o Concello de Narón xunto con outros 18 concellos galegos.

Moitas destas institucións locais xa viñan colaborando en proxectos como Apego, Youtubeiras, Club de Debate ou Enreguéifate, e en 2019 crearon Alingua coa vontade de desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma entre diferentes concellos.

Se queredes coñecer máis sobre Alingua e a campaña É túa. Pásaa! podedes seguir as súas redes sociais ou consultar a súa web (www.alingua.gal)  ou preguntar no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón [a.pita@naron.es / 981337700 (extensión 1516)]