Neste momento estás a ver Un Nadal en galego

Un Nadal en galego

  • Categoría da entrada:Novas

Contos e un concerto sensorial para bebés ou un obradoiro de cantos de Nadal son as propostas do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón para este Nadal.

A estas actividades, que se insiren en distintos programas de fomento da lingua galega, súmase o proxecto Felicita o Nadal en galego que xa leva varios anos funcionando e que busca que a xente se anime a felicitar en galego estas datas tan significativas aos seus seres queridos. Para iso, desde a web do Servizo de Normalización Lingüística, www.narongañacogalego.gal, ofrécense postais e mensaxes de felicitación, así como revisión lingüística dos textos daquelas persoas que prefiran botar man da creatividade e crear as súas propias mensaxes.

As actividades previstas, que se suman a toda a programación ofertada polo Concello de Narón para o Nadal, son as seguintes:

Contos maimiños de Migallas: martes 20 de decembro, no centro cívico social do Alto, ás 19:00 h, para familias con nenas e nenos de 0 a 3 anos (programa Apego)

Son no berce de A Cova das Letras: mércores 21 de decembro no centro cívico social do Couto, ás 18:00 e ás 18:30 h, para familias con nenas e nenos de 0 a 3 anos (programa Nadal en Rede da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia)

Cantámosche os Reis de Pablo Díaz: o mércores 4 de xaneiro,  na Casa da Mocidade ás 17:30 h, para todos os públicos (programa Narón gaña co galego)

Para todas estas actividades será precisa inscrición previa en a.pita@naron.es, na que deberán achegar os seguintes datos: nome da actividade; nome e idade da persoa participante; nome da nai, pai ou persoa acompañante no caso de menores; enderezo electrónico e teléfono de contacto.

Podes descargar aquí o cartel