O Concello de Narón, consciente da importancia da colaboración para a salvagarda da toponimia galega, acolle o 1 de decembro, ás 19:00 h no centro cívico social do Alto do Castiñeiro, a campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra un proxecto impulsado pola Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia que trae ao municipio unha charla impartida por Vicente Feijoo, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG, na que se tratarán aspectos como o valor da riqueza toponímica; a importancia da súa recolleita, protección e difusión; o significado de diferentes topónimos do concello de Narón; ou o funcionamento da plataforma Galicia Nomeada, unha aplicación colaborativa que nace co obxectivo de que a cidadanía se involucre e participe na recolleita, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega.
O programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chega a Narón da man da Rede de Dinamización Lingüística, unha asociación, da que forma parte o Concello de Narón desde o ano 2017, que congrega entidades con competencia na promoción do uso da lingua galega no ámbito local, vinculada á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
A esta charla, promovida pola Concellaría de Política Lingüística a través do Servizo de Normalización Lingüística municipal poderá asistir toda aquela persoa que o desexe totalmente de balde e sen inscrición previa.
Descarga aquí o cartel