Neste momento estás a ver Súbete ao galego

Súbete ao galego

  • Categoría da entrada:Novas

O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol (servizo compartido polos concellos de Ares, Cabanas, Mugardos, Neda e Valdoviño), en colaboración cos SNL dos concellos de Fene, Ferrol, Cedeira e Narón, promoven o Día do Orgullo Neofalante, que se celebrará o vindeiro 1 de outubro, coincidindo coa data de nacemento de Andrés do Barro. Ao abeiro desta iniciativa, que ten como principal obxectivo gañar falantes e espazos de uso para o galego, proxectarase o documental Barullo, que trata sobre a diversidade musical en lingua galega, e participarán o seu autor Xosé Bocixa e Pepe Cunha.

Con esta iniciativa, os concellos da Mancomunidade celebran o Día do Orgullo Neofalante, no que se conmemora o nacemento de Andrés do Barro o 1 de outubro de 1947 e se anima ás persoas que por distintos motivos non usan o galego (ou non o usan en determinados ámbitos) a comezar a usalo.

O acto de presentación terá lugar na Casa de Cultura de Neda, o 30 de setembro, ás 19:00 h. As persoas interesadas en asistir deben reservar a súa praza chamando ao 981 39 02 33 en horario de 09.00 a 13.00 h e de 16.00 a 20.00 h.