Neste momento estás a ver Remata o obradoiro de acollemento lingüístico, un espazo para achegarse á lingua e á cultura galegas en Narón

Remata o obradoiro de acollemento lingüístico, un espazo para achegarse á lingua e á cultura galegas en Narón

  • Categoría da entrada:Novas

Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón, entregaba onte, ao alumnado do obradoiro de acollemento lingüístico, os diplomas de aproveitamento do curso.

Esta acción formativa, dirixida a aquelas persoas que queren achegarse por primeira vez á lingua e á cultura galegas, especialmente para aquelas persoas que levan pouco tempo vivindo en Galicia, desenvolveuse en Narón, entre o 1 de outubro e o 17 de decembro e tivo unha duración de 30 horas.

Este obradoiro, impulsado pola Concellaría de Política Lingüística, a través do Servizo de Normalización Lingüística, busca que o alumnado participante adquira unhas nocións básicas de lingua e cultura galegas para que se familiaricen co idioma, cos costumes, tradicións, coa música,…  co obxectivo de favorecer a integración social.

Aprender a presentarse, a desenvolverse nunha cafetería ou restaurante, a mercar nunha tenda,… foron algúns dos contidos traballados neste obradoiro. Tamén se realizaron dúas visitas de contido cultural ao muíño de Xuvia, para coñecer a súa historia e importancia para a comarca; e ao Pazo da Cultura de Narón, onde puideron coñecer da man das escolas culturais municipais como se constrúen instrumentos tradicionais, o baile galego, o traballo que desenvolve o persoal técnico,…

Nesta primeira edición, participaron sete persoas procedentes de Colombia, Arxentina e Francia así como de diferentes lugares de España como Madrid, Segovia ou Cáceres e foi impartido no local da A.VV Chafarís pola técnica do Servizo de Normalización Lingüística municipal.