Alingua presenta o seu catálogo de referentes da lingua para revolucionar o galego entre o alumnado de secundaria, que se complementa cunha guía didáctica e un cartel para traballar os referentes da nosa lingua nas aulas. Tamén se presenta unha colección de postais sonoras que conforman unha cartografía sensorial para a lingua.
Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, da que forma parte o Concello de Narón xunto con outros 18 concellos galegos, presenta dúas novas accións dentro de É túa. Pásaa!, unha campaña que ten por obxecto mostrar o orgullo de ter unha lingua propia, animar a que as persoas falen galego, sobre todo a mocidade, a que usen e transmitan a lingua, sobre todo cos máis pequenos que son o futuro do idioma, pero tamén quere animar a que aquelas persoas que non falan galego, dean o paso, que proben a usar a lingua e se comprometan co idioma.
Na presentación, que tivo lugar no Concello de Teo, participaron Lucía Calvo de la Uz, alcaldesa do Concello de Teo, María Vazquez Rey, concelleira de Lingua do Concello de Teo, Blas García Piñeiro, alcalde de Ames e Goreti Sanmartín Rei, alcaldesa de Santiago de Compostela.
Así mesmo, asistiron ao acto Mónica González, concelleira da Baña, Ramón Varela, concelleiro de Carballo, Olalla Figueira, concelleira de Rianxo e Manuel Cobas, concelleiro de Rois, así como persoal técnicos dos servizos de normalización lingüística dos concellos integrantes.
Novas accións de É túa. Pásaa!
Catálogo de referentes
O Catálogo de referentes é unha guía virtual que recompila o perfil de persoas coñecidas, influentes e comprometidas coa lingua galega para que a mocidade coñeza modelos ou referentes que empregan o galego en distintos ámbitos da vida.
Con este catálogo Alingua busca impulsar o uso do galego entre a xente nova, que mozos e mozas saiban que en galego se pode facer ciencia, música, cine, moda,… Para iso presentámoslles a homes e mulleres que empregan esta lingua na súa vida persoal, pero tamén no ámbito laboral. O galego é unha lingua que se pode empregar en calquera ámbito de uso e as persoas referentes que se inclúen neste catálogo son unha mostra disto.
Este catálogo recolle información biográfica e os perfís nas redes sociais de máis de corenta figuras influentes clasificadas por 12 grandes áreas de coñecemento e actividade creadora: comunicación, deporte, artes escénicas e cinema, cómic e ilustración, artes plásticas, moda e artesanía, ciencia, música, literatura, gastronomía, activismo e novas tecnoloxías.
Alingua destaca figuras como Touriñán, As Tanxugueiras, Ledicia Costas, Mondra, Grande Amore, Sonia Villapol ou Luís Davila, entre outras moitas, como referentes no uso do noso idioma e levará as súas traxectorias ás aulas, para que a mocidade coñeza e comparta referentes en galego.
Este catálogo de referentes compleméntase cunha guía didáctica de descarga libre dirixida ao alumnado de secundaria, e cun cartel de referentes para revolucionar o galego. A unidade didáctica É túa. Pásaa!, que leva por subtítulo Con actividades e referentes para revolucionar o teu galego, ponse á disposición do profesorado de centros de ensino de secundaria de toda Galicia co obxectivo de fomentar o uso do galego na rapazada de entre 12 a 16 anos. Esta ferramenta educativa inclúe actividades multidisciplinares que, de forma transversal, se centran nos diferentes ámbitos nos que se clasifican os referentes. Así preténdese achegarlle ao alumnado a relevancia destas figuras que utilizan a lingua galega na súa vida cotiá e tamén nas súas creacións, investigacións, proxectos e reivindicacións, como vía de sensibilización lingüística.
A guía didáctica está pensada para o seu aproveitamento desde diferentes enfoques e para múltiples materias. Ademais, inclúe accións educativas que se poden levar a cabo tanto de xeito individual como por grupos que van desde as tradicionais sopas de letras ata anovadoras posibilidades tecnolóxicas, como o deseño da túa propia app para móbil en galego. A guía achega tamén un apartado de recursos en liña para poder atopar máis información e material complementario na Rede. Ademais desta guía, Alingua enviaralles aos centros de ensino dos municipios adheridos un cartel impreso para traballar os referentes do alumnado.
Cartografía sensorial
A Cartografía sensorial é un espazo virtual que recolle as paisaxes sonoras e visuais dos concellos que conforman a entidade e que ten como obxectivo amosar a riqueza das falas galegas e visibilizar e enxalzar a diversidade lingüística dos concellos que integran a asociación. Este reservorio dixital ofrece a posibilidade de personalizar postais para enviar en liña e tamén compartir fotografías que relacionan cada lugar cunha cor identificativa. Proponse con esta ferramenta un modo diferente de explorar diferentes contextos sociais e lingüísticos do noso territorio a través dos sons, das cores e da lingua.
Coa cartografía sensorial Alingua quere dar a coñecer a lingua que se fala en cada concello que a conforma a través dos sentidos da vista e o oído, compartir as vivencias destas localidades nas que a lingua galega forma parte das coordenadas fundamentais das relacións humanas, do coñecemento, do traballo, do lecer e da vida.
O Catálogo de referentes, así como a unidade didáctica, e a Cartografía sensorial pódense consultar e descargar na web www.alingua.gal.
Accións previas de É túa. Pásaa!
É túa. Pásaa! dábase a coñecer este 2023 cun vídeo musical, unha creación orixinal de Fátima Pego e Grande Amore, que contén un tema titulado É túa. Pásaa! que convida a coidar, e sobre todo, a usar a nosa lingua.
Outra das accións que se presentaron ao longo destes meses foi O gran reto, unha webserie na que tres persoas castelanfalantes asumen o reto de vivir en galego durante 21 días e contan as súas impresións, reflexións, logros, atrancos,…. Esta webserie ten por obxecto que as persoas castelanfalantes proben a usar o galego, pero non só as 3 semanas que dura o reto, senón que se animen a incorporar esta lingua á súa práctica habitual.
Tamén se crearon contidos nas redes sociais, especialmente na canle de Youtube como entrevistas a persoas influentes e comprometidas coa lingua, listaxe de reprodución de música en galego, stickers para o WhatsApp e para o Telegram,… que mostran que o galego é unha lingua apta para todas as situacións, para todos os ámbitos da vida.