A web Do berce á rúa acaba de recibir un premio pola súa implicación na promoción do galego, concretamente o premio ao mellor proxecto estabilizado na terceira edición dos Premios Mil Primaveras convocados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).
Os Premios Mil Primaveras creáronse coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Buscan recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.
O xurado da terceira edición dos Premios Mil Primaveras decidiu outorgar os seguintes premios: Do berce á rúa (como proxecto estabilizado), CantáMOLA en galego (como proxecto novo), Twitter en galego e Instagram en galego (pola súa comunicación e impacto), Somos xogo (como programa máis innovador), Dicionario galego para boomers (como proxecto destinado á infancia e mocidade) e Media Laranxa (como proxecto dun ámbito sectorial).
Con respecto á web Do berce á rúa o xurado salientou que foi un dos primeiros espazos que se creou con recursos para a crianza en galego e serviu de modelo para un programa referente coma o Apego, co cal convive e coopera. Os seus recursos son útiles tanto para as familias como para o persoal de educación e grazas á presenza na rede é unha iniciativa que soborda os límites do propio municipio. O xurado destacou tamén a interesante e variada compilación de recursos audiovisuais para a infancia.
Do berce á rúa é un espazo web lúdico-educativo creado en 2010 polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón que contén numerosos recursos en galego para familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos.
Tal e como se reflicte no lema “achégalle o galego desde o berce”, esta web busca a participación das familias na tarefa de incorporar o galego na comunicación familiar desde o primeiro momento.