Neste momento estás a ver Os Premios Youtubeiras+ alborotan o algoritmo

Os Premios Youtubeiras+ alborotan o algoritmo

  • Categoría da entrada:Xeral

Os Premios Youtubeiras+, cuxas bases se poden consultar xa en www.youtubeiras.gal, abren a participación á creación de contidos en galego en calquera rede social e en todos os formatos.

Youtubeiras+, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo; das universidades da Coruña, Santiago e Vigo; e da Deputación da Coruña, que  nace co obxectivo de promocionar o talento en galego nas redes sociais, acada a súa novena edición con grandes cambios nos seus galardóns.

Estas novidades anunciáronas en rolda de prensa, este 17 de setembro, a vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Susana Reboreda; o alcalde de Ames, Blas García; o rexedor do Concello de Rois, Ramón Tojo, e a concelleira de Normalización Lingüística de Moaña, María Dolores Chapela. A esta rolda de prensa asistiron representantes políticos e persoal técnico de Normalización Lingüística das entidades participantes.

Os Premios Youtubeiras+, cuxas bases se poden consultar xa en www.youtubeiras.gal, abren a participación á creación de contidos en galego en calquera rede social e en todos os formatos. O concurso, que ata a edición pasada só permitía concorrer a quen lanzase as súas creacións en YouTube e TikTok, amplía o seu campo de acción e permite competir ás persoas maiores de 16 anos que teñan canles autoproducidas nas redes sociais en activo e accesibles durante o certame.

Categorías, premios e inscrición

Os Premios Youtubeiras+ repartirán 7500 € entre as persoas gañadoras das sete categorías nas que se divide o certame este ano: Canle, Creación de contidos, Podcast, Revelación, Calidade lingüística, Rede e Premio do Público. Todos os premios están dotados con 1000 €, agás os das dúas primeiras categorías, cuxos galardóns ascenden aos 1250 €. O prazo de inscrición xa está aberto e remata o próximo 16 de novembro.

«Alborotar o algoritmo»

O lema deste ano é Alborota o algoritmo para  proclamar que, malia que os algoritmos tratan de gobernar sobre o que vemos nas redes sociais, sobre o que se fala nelas e mesmo sobre como debemos falar, a decisión é sempre nosa. Usar a nosa lingua está nas nosas mans.

O xurado

O xurado que escollerá as canles e persoas gañadoras deste ano serán: Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Jon Amil, médico e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Carlos Pereiro, xornalista e comunicador de videoxogos; María Rúa, creadora de contidos e gañadora do Premio á Creación de Contidos de 2024, e Uxío Broullón, ilustrador e deseñador gráfico.

Obradoiros de creación de contidos

Tamén se ofrecerán obradoiros de creación de contidos dixitais en galego, impartidos nesta edición por Nuria Espasandín e Sergio Casal, de Toxío, e mais Laura Veiga, de Pingando, dirixidos ás persoas maiores de 16 anos que queiran comezar a crear contido de calidade con impacto e estratexia nas redes sociais.