Neste momento estás a ver Os Gandariños do CPR Santiago Apóstol pasan á final do Club de Debate 2025

Os Gandariños do CPR Santiago Apóstol pasan á final do Club de Debate 2025

  • Categoría da entrada:Mocidade

Este venres  desenvolvíase no auditorio municipal de Narón a fase clasificatoria do Club de Debate Alingua entre alumnado dos concellos de Narón e de Ferrol. Participaron un total de 8 equipos, tres deles do IES As Telleiras e un do CPR Santiago Apóstol de Narón, e catro do concello ferrolán, concretamente dous do IES Canido, un do IES Concepción Arenal e un do IES Saturnino Montojo e o tema a debater foi “A masificación turística é un problema en Galicia”, un tema escollido pola rapazada. O alumnado participante tivo que defender a postura a favor e a postura en contra achegando argumentos, e rebatendo os do equipo contrincante.

Nesta fase clasificatoria, os dous equipos gañadores desta xornada, o IES Canido de Ferrol e os Gandariños do CPR Santiago Apóstol de Narón, recibiron un premio valorado en 800 e 500 euros respectivamente e pasan á final que terá lugar en Vilagarcía de Arousa o 26 de abril, xunto cos gañadores das outras fases clasificatorias que se desenvolven estes próximos días en Ribeira e nas que participará alumnado dos demais concellos participantes neste proxecto, ademais de dous equipos do IES As Telleiras de Narón.

Os debates foron valorados por un xurado composto por especialistas do ámbito editorial,  da comunicación, do teatro e da normalización lingüística. Daniel Romero, técnico de Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Fene; Miguel Toval, responsable de Edicións Embora e presidente da Asociación Galega de Editoras; Soraya García, escritora naronesa e docente no Conservatorio Xan Viaño; Henrique Sanfiz de Radiofusión; e Helga Méndez de Maquinarias Teatro foron os encargados de avaliar aspectos como a calidade, orixinalidade e pertinencia na argumentación; a capacidade de refutación; a calidade lingüística e a capacidade de oratoria; a comunicación non verbal; ou o funcionamento como equipo e a seguridade e manexo da situación.

Club de Debate Alingua é un proxecto cooperativo de dinamización lingüística que busca incrementar o uso oral do galego e ofrecer recursos para a práctica de habilidades comunicativas, así como promover a reflexión, o pensamento crítico e o intercambio de opinións entre a mocidade.

Esta iniciativa, impulsada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Pontedeume, Pontevedra, Santa Comba,  Santiago de Compostela, Teo, Rois, Vilagarcía de Arousa, Ribeira e Narón, diríxese a alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º de bacharelato dos centros de ensino dos concellos participantes e nesta edición participan 32 equipos.

Máis info a través das redes sociais do proxecto: FacebookInstagram, e Youtube.