Temos infinidade de panxoliñas, adiviñas, cantos de berce, contos, lendas, refráns en lingua galega que acompañaron desde hai séculos os galegos e galegas durante as xeiras de traballo, nos momentos de lecer en romarías e festas, nos xogos dos máis pequenos,… Forman parte da literatura popular galega que é unha das máis fermosas manifestacións da nosa cultura e que constitúe unha herdanza inestimable que debe seguir pasando de xeración en xeración, pois é un vehículo de transmisión da nosa lingua, das nosas crenzas, dos nosos costumes e da forma de vivir e de pensar dos nosos devanceiros.
Hoxe en día, a maioría da xente nova descoñece este prezado e valiosísimo patrimonio cultural, por ese motivo o Servizo de Normalización Lingüística realizou unha recolleita en 2013 e 2014 de elementos propios da nosa cultura popular que plasmou no libro O nobelo do tempo en Narón, do que hai dúas publicacións e que podedes consultar na web do SNL www.naronengalego.gal
O nobelo do tempo en Narón nace grazas á colaboración de moitos veciños e veciñas de Narón que quixeron contribuír poñendo o seu gran de area para axudar a conservar este tesouro e con el a nosa identidade como pobo, a nosa cultura e o noso idioma.
E agora queremos achegarvos algunhas das adiviñas que nos deixaron para que poñades as cabeciñas a cavilar. Se queredes coñecer as solucións, podedes consultalas no proxecto O nobelo do tempo en Narón
Adiviñas
- Cen e cen e cen fillos ten, e a todos con leite mantén.
- Unha señora, moi aseñorada, chea de remendos, sen unha puntada.
- Alta estou, alta me teño, por unha risada perdín o que teño.
- Catro corre montes, catro corre fontes, dous lurelulú e un dálle dálle.
- Chorín, chorín, choraba darredor dunha torre andaba. Cando a torre caía chorín, chorín calaba.
- Come no monte e baila na casa como unha rapaza.
- Unha vella cun dente chama a toda a xente.
- Que é longa como a soga e ten dentes como a loba?
- Unha caixa pequeniña branquiña coma a cal, todos a saben abrir, e ninguén a sabe cerrar.
- De día vai a catro patas, na tarde en dúas patas, e pola noite a tres patas.
- Terra branca semente negra cinco bois e unha chavella
- Que anda e non ten pés, come e non ten boca, e toda a comida lle parece pouca?