Neste momento estás a ver O Grupo Nós do Santiago Apóstol na final do Club de Debate

O Grupo Nós do Santiago Apóstol na final do Club de Debate

  • Categoría da entrada:Xeral

O Grupo Nós, composto por alumnado de 4º da ESO do CPR Santiago Apóstol de Narón, participou na final do Club de Debate Alingua, que se desenvolveu este sábado 25 de abril en Ames, e na que o tema a debater foi “O ensino obrigatorio garante a igualdade de competencia nas dúas linguas oficiais”.

Na final desta edición participaron 8 equipos compostos por alumnos e alumnas do IES O Carril de Vilagarcía de Arousa, IES Canido de Ferrol, IES Terra de Xallas de Santa Comba, Colexio La Salle de Santiago de Compostela, CPI dos Dices de Rois, IES do Milladoiro, IES Breamo de Pontedeume e CPR Santiago Apóstol de Narón.

Os dous equipos gañadores foron o IES do Milladoiro, de Ames e o IES Terra de Xallas de Santa Comba, que quedaron en primeira e segunda posición respectivamente e que levaron como premio unha viaxe multiaventura dunha fin de semana.

O xurado, integrado por expertos no eido da comunicación e da lingua (Iria Liñares, estudante de Filoloxía e participante do club de debate da Universidade de Santiago; Lucía Ferro, filóloga; Helena Sánchez, tamén involucrada co club universitario de debate; Bárbara Bustelo, especialista en tradución e interpretación e Gabino Vázquez, membro do seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega), subliñou o esforzo e a intensa preparación previa demostrada por todos os equipos, poñéndolles especialmente difícil a decisión, nunha igualadísima final que enfrontaba os oito equipos xa gañadores das súas respectivas fases previas e que se resolveu con axustadas diferencias na puntuación.

A xornada evidenciou o enxeño e capacidade de argumentación da mocidade, pero tamén deixou ver o compañeirismo. O alumnado demostrou que a competitividade non exclúe valores de respecto e empatía e así se viu no bo ambiente todo o día entre os participantes de diferentes institutos galegos.

Máis info a través das redes sociais do proxecto: FacebookInstagram, e Youtube.