O gran reto é unha webserie impulsada por Alingua, onde tres persoas castelanfalantes se atreven a vivir en galego durante 21 días.
María Rúa (@pradorua nas redes sociais) é a encargada de presentar O gran reto e os seus protagonistas: Darío, Martiña e Nelu. Cada un deles relátanos a súa experiencia na transición lingüística e achégannos as súas conclusións, reflexións, atrancos, logros, reaccións das persoas do seu contorno… e podemos ver tamén se foron capaces de superar os pequenos desafíos que se lles propuxeron (falar cun familiar en galego, usar o galego nas redes sociais, ligar en galego,…).
Esta serie web encádrase dentro da campaña É túa. Pásaa!, un proxecto que busca animar a que a xente galegofalante se sinta orgullosa da súa lingua e a que a fale e a transmita, e a xente que aínda non a fala, se anime a facelo, que probe a dar o paso de falar esta lingua, propia e única, e non só durante as tres semanas que dura o reto.
O gran reto non se limita só aos tres protagonistas participantes, senón que convida a toda a sociedade a participar, a que as persoas castelanfalantes proben e compartan o seu reto, os seus avances, as súas reflexións, dúbidas,…e a que as persoas galegofalantes espallen o reto entre as túas amizades e xente coñecida.
Enlace para ver O gran reto