O Enreguéifate dá comezo ás actividades da súa décima edición, que leva por lema “Construíndo patrimonio”, cun obradoiro para docentes que queiran descubrir o valor da regueifa como ferramenta didáctica. A sesión terá lugar o venres 23 de outubro, de 16:30 a 20:30 h, no Pazo da Cultura de Pontevedra.
A través da improvisación oral, as persoas participantes explorarán estratexias para fomentar a expresión, a empatía e o traballo en equipo nas aulas, ao tempo que promoven valores como a diversidade, a cooperación, a integración e o feminismo.
O obradoiro estará conducido por Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Manolo Maseda e Séchu Sende, grandes regueifeir@s galeg@s, que achegarán ao profesorado recursos para traballar a regueifa na aula. A sesión servirá tamén para dar a coñecer o proxecto Enreguéifate, que este curso celebra dez anos de traxectoria.
A formación require inscrición previa a través deste formulario . O prazo permanecerá aberto ata o martes, 20 de outubro e hai 45 prazas dispoñibles. No caso de recibirse máis solicitudes ca prazas ofertadas, terá preferencia o profesorado dos concellos participantes e dos niveis educativos aos que se dirixe o proxecto: 5º e 6º de educación primaria e educación secundaria obrigatoria (ESO).

Toda a info sobre este obradoiro podes consultala aquí
Nas vindeiras semanas daranse a coñecer todos os detalles da décima edición do proxecto Enreguéifate, unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística de oito concellos galegos para fomentar o uso do galego entre as crianzas e a mocidade. A Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, súmanse este ano A Baña e Narón como concellos impulsores deste proxecto de dinamización lingüística que pon en valor a regueifa, unha das expresións da poesía popular oral galega.
