Neste momento estás a ver Novos recursos en galego para o comercio local de Narón

Novos recursos en galego para o comercio local de Narón

  • Categoría da entrada:Novas

Stickers para empregar coa clientela a través do WhatsApp, carteis de aberto e pechado ou carteis que informan de que o comercio ofrece atención en galego súmanse ao proxecto Narón gaña co galego.

Narón gaña co galego é un proxecto impulsado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón que ten por obxecto animar ao uso do galego no comercio local e facilitarlles aos comerciantes recursos e materiais en galego, asesoramento lingüístico e formación que responda ás necesidades dos seus negocios para que poidan impulsar as vendas dos seus produtos e  desenvolver a súa actividade profesional en galego.

Todos os materiais están dispoñibles para a súa descarga no apartado de recursos do proxecto Narón gaña co galego, na web do Servizo de Normalización Lingüística www.naronengalego.gal e, ademais, os comercios que o desexen  poderán recollelos xa impresos directamente na 3ª planta do Concello de Narón. Ademais, levarán outros recursos da campaña que foron editados con anterioridade e que poden ser moi útiles nesta época do ano, como son un rótulo de REBAIXAS e  uns adhesivos para agasallos.

Os stickers, que contan con diferentes lemas para empregar coa clientela a través da aplicación WhatsApp, pódense descargar directamente no enlace dos recursos da campaña e subilos manualmente ao móbil ou as persoas interesadas poden poñerse  en contacto co Servizo de Normalización Lingüística no correo electrónico a.pita@naron.es para solicitar recibir a través de whattsapp o enlace dunha aplicación que permite descargalos directamente.

Para formar parte deste proxecto, os comerciantes de Narón interesados só teñen que enviar un correo electrónico a a.pita@naron.es incluíndo os seguintes datos: nome do comercio, o nome da persoa propietaria do comercio e teléfono de contacto. Formar parte deste proxecto favorece un contacto permanente que permite coñecer e ter en conta as suxestións e demandas do comercio local e, polo tanto, desenvolver e programar formación e recursos útiles que permitan incluír ou promover a lingua galega neste colectivo.

Máis info: proxecto Narón gaña co galego