O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón presenta a súa web naronengalego.gal na que se pode atopar toda a información relativa a este servizo: as súas funcións, proxectos, actividades, novas,…
Esta nova web vén a complementar o Facebook do servizo que funciona desde hai anos como canle informativa do labor que realiza este departamento técnico indispensable no proceso de extensión do uso e da normalización do galego na Administración local e no termo municipal.
Entre as funcións que desenvolve o Servizo de Normalización Lingüística atópanse as de dinamización, asesoramento e formación lingüística e, á parte do seu labor interno na propia Administración local, tamén lle presta o seu servizo a calquera persoa particular, empresa, asociación ou entidade do municipio que o demande, a través do correo a.pita@naron.es, tanto de asesoramento lingüístico como de tradución e corrección de textos.