Neste momento estás a ver Nova Festa do Apego

Nova Festa do Apego

  • Categoría da entrada:Novas

O Concello de Narón organiza un ano máis a Festa do Apego para que as familias poidan gozar dunha xornada de lecer en galego. Será o sábado 17 de setembro no parque de Freixeiro e entre a programación prevista está o espectáculo de narración oral Roupa tendida de Xarope Tulú que comezará ás 18:00 h e que a través dos contos nos permitirá reflexionar sobre as nosas crenzas, observalas coa perspectiva do tempo, contalas desde a visión daquelas pequenas que se fixeron grandes e cuestionaron unha e outra vez o papel das silenciadas, das subversivas, das que non tiveron voz. Ás 19:00 h comezará o concerto de Golfiños, onde haberá tempo para bailar, xogar, cantar, rir e soñar. Recoméndase que as familias leven unha mantiña para sentar na herba.

Esta festa insírese dentro do proxecto Apego, un programa do que o Concello de Narón forma parte e que busca animar as familias a que críen os seus nenos e nenas en galego e dotalas de ferramentas e recursos para poder facelo. Algúns destes recursos son as actividades que se desenvolven ao longo de todo o ano, actividades de lecer e en familia para todos os gustos: música, teatro, contos, xogos,… Outros moitos recursos pódense consultar e mesmo descargar na web www.apego.gal.

No caso de chuvia, a festa trasladarase ao auditorio municipal, circunstancia que será comunicada previamente a través das redes sociais municipais.

Esta iniciativa, programada pola Concellaría de Ensino e Bibliotecas a través do Servizo de Normalización Lingüística, diríxese a público familiar, será   de balde e non será precisa inscrición previa.