O Concello de Narón súmase aos Premios Youtubeiras+, que nesta oitava edición botan a andar baixo o lema Fachenda ao cadrado
Youtubeiras, unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e da Deputación da Coruña, que ten por obxecto fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, abría onte, 24 de setembro, o prazo de inscrición para a oitava edición dos seus premios, que se desenvolverá baixo o lema Fachenda ao cadrado.
Trátase dunha edición na que os Premios Youtubeiras renacen como Premios Youtubeiras+ ao abrir o seu alcance ás creacións en galego en TikToK. Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos con canles de YouTube e/ou TikTok autoproducidas. As canles que participen deberán ter a maioría dos vídeos en galego e cumprir cos seguintes requisitos: contar como mínimo cun vídeo subido a partir do 15 de novembro de 2023 co cancelo #youtubeiras; non ter restricións de privacidade; os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes, no caso de habelos, estarán en galego e os vídeos poden contar subtítulos de activación opcional no YouTube noutras linguas.
Os premios, cuxas bases xa están publicadas en www.youtubeiras.gal, repartirán 7500 euros entre as persoas gañadoras de sete categorías: canle de Youtube, canle de Tiktok, creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e premio do público. O prazo de inscrición estará aberto ata o 15 de novembro.
O xurado dos Premios Youtubeiras+ estará conformado por Andrea Villa, xornalista e produtora; Carlos Callón, escritor, profesor e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística; Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, e Sara Varela, guionista, realizadora e produtora audiovisual.
A Reitoría da Universidade da Coruña acollía este martes, 24 de setembro, a rolda de prensa na que se presentaba a apertura do prazo de inscrición nos premios. Á rolda asistiron a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro Díaz, así como responsables políticos e persoal técnico dos servizos de normalización lingüística das entidades organizadoras.
Por último, tamén se aproveitou a rolda de prensa para presentar as actividades formativas de Youtubeiras+, xa que este proxecto un ano máis transcende os lindes da convocatoria dos premios. Baixo o título de Fiadeiros Dixitais, impartiranse obradoiros en centros de ensino medio dos concellos organizadores e campus universitarios cos obxectivos de dar a coñecer o que se se está a facer na Rede no noso idioma, mostrar referentes, incentivar a creación de vídeos en galego e fomentar o seu consumo nas novas xeracións. Estes obradoiros serán impartidos por Mario Brión, coñecido pola súa canle Olaxonmario; María Rúa, da canle Pradorua; Nuria Espasandín e Sergio Casal, da canle Toxío; Laura Veiga, da canle Pingando, e Carlos Vieito, presentador do podcast de vídeo Exército Mekemeke.