Neste momento estás a ver Guizo, un novo programa que conxuga infancia, lecer, coidado da natureza e lingua galega

Guizo, un novo programa que conxuga infancia, lecer, coidado da natureza e lingua galega

  • Categoría da entrada:Novas

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón bota a andar Guizo, un novo proxecto de dinamización sociolingüística que busca mellorar a socialización en lingua galega das nenas e nenos de 6 a 12 anos creando un espazo de lecer para familias que xire ao redor do contacto coa natureza e do seu coidado e respecto.

Este programa organiza actividades para gozar e aprender en familia que teñen como obxectivo incrementar o uso do galego entre as crianzas, e nas que nenos, nenas e maiores poderán reciclar, reutilizar, construír xoguetes con elementos naturais, plantar sementes e coidalas, facer sendeirismo para coñecer o seu contorno…

As familias poderán consultar toda a información sobre as actividades programadas na web do SNL www.naronengalego.gal  (no apartado de actividades) e, ademais, aquelas que queiran recibir información periódica sobre estas propostas só terán que inscribirse no programa e para facelo só será preciso enviar un correo ao enderezo a.pita@naron.es solicitando a adhesión e incluír os seguintes datos: nome, apelidos e idade do neno ou nena; nome e apelidos do pai e/ou nai; correo electrónico; e teléfono de contacto.

 

Para os próximos meses organízanse tres obradoiros, que serán impartidos por Miudiño, e que se desenvolverán no centro cívico social do Couto ás 11:00 horas. Estes obradoiros, para os que é precisa inscrición previa, son os seguintes:

18 febreiro.-  Obradoiro de xoguetes sonoros

18 de marzo.- Obradoiro de follas de papel

15 abril.-  Obradoiro Cociñando xabón