A iniciativa As nosas tradicións, impulsada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón, regresa ás escolas infantís municipais de Narón este mes de febreiro.
As nosas tradicións é unha iniciativa que busca mostrarlles, ás familias das escolas infantís municipais de Narón, as tradicións galegas máis emblemáticas, e como as festexamos en Narón, así como algunhas das celebracións institucionais máis importantes para a nosa lingua e a nosa cultura como o Día das Letras Galegas, o Día de Rosalía, o Día de Narón,… E tamén busca que as familias coñezan o Apego e os seus recursos, un programa no que participa o Concello de Narón e que ten por obxecto mellorar a socialización en galego desde o berce.
Entre outubro e decembro entregáronse os folletos das Tradicións outono, Día de Narón e O Nadal, e este mes de febreiro tócalle a Febreiro bertoeiro, que inclúe información e curiosidades sobre a Candeloria, o Entroido e o Día de Rosalía, festividades que se celebran neste mes de febreiro, así como recursos da tradición oral para as familias.
Ademais, tamén se poden descargar estes folletos na web do Servizo de Normalización Lingüística www.naronengalego.gal
As nosas tradicións: https://naronengalego.gal/dinamizacion/#nosastradicions

