
Unha iniciativa dirixida ao comercio local de Narón que ten por obxectivo que as e os comerciantes usen o galego nas súas comunicacións, especialmente as que realizan a través das redes sociais e na atención ao público.
Impulsada polas concellarías de Promoción Económica e Política Lingüística do Concello de Narón, a través do Servizo de Normalización Lingüística, busca activar o uso do galego no comercio local de Narón.
Co lema Merca en Narón, Merca en Galego, quérese animar a que a xente realice as súas compras no comercio local, un comercio que ofrece proximidade, experiencia, confianza e unha atención en galego, o que se traduce nun trato máis persoal e de calidade.
Descarga o folleto informativo
Descarga o cartel
En que consiste esta iniciativa?
Os comercios locais de Narón que queiran participar, terán que cumprir dous retos entre o 25 de outubro, Día Internacional do Comercio Local e 11 de novembro, o Día Mundial das Compras.
1. A oferta positiva de atender a clientela en galego
Isto significa que van utilizar o galego como lingua de contacto inicial coa clientela e manterse nela mentres a persoa non demostre que prefire comunicarse noutro idioma.
2.As redes sociais en galego
Terán que usar o galego nas publicacións que colguen nas redes sociais do seu negocio. E se o precisan, os comercios participantes poden botar man do Servizo de Normalización Lingüística para que revise os textos que van publicar, para a resolución de dúbidas lingüísticas,…
Que gañan os comercios se participan?
Se cumpren os retos propostos poderán participar en…
- Vídeo publicitario no que se dará a coñecer o seu negocio, así como as vantaxes que ten usar o galego no comercio local, sempre coa perspectiva de incentivar as compras neste sector.
- Curso sobre os fundamentos de márketing e comunicación. O idioma como elemento diferenciador, unha acción formativa na que se darán a coñecer estratexias útiles e prácticas encamiñadas a incrementar as vendas, impartido por Xosé Luis Reza Pérez, presidente do Clúster de Ecommerce Galego, socio director en Iuni Strategic Marketers, e presidente fundador de Markea, a Asociación de Márketing de Galicia, e do Clúster da Comunicación de Galicia. Este curso desenvolverase no Café Teatro do Pazo da Cultura os sábados 14 e 21 de novembro de 16.00 a 20.00 h
- Aproveitarse das vantaxes de usar o galego coa clientela.
Como teñen que facer os comercios para participar?
Teñen que inscribirse no correo a.pita@naron.gal entre o 09 e 22 de outubro de 2026. Na inscrición deben aparecer os seguintes datos:
- Solicito participar na iniciativa: En que podo axudarche?
- Nome e actividade do comercio
- Contacto: nome da persoa de contacto, teléfono e correo electrónico
Narón gaña co galego
En que podo axudarche? inclúese dentro do programa Narón gaña co galego que busca proporcionarlle ao comercio local de Narón a formación, os recursos e materiais e o asesoramento lingüístico precisos para que o persoal poida desenvolver a súa actividade profesional en galego; e tamén quere animar ao uso da lingua, para que a lingua galega gañe presenza nos comercios de Narón.
Máis info: https://naronengalego.gal/dinamizacion/#galego
Durante os 17 días que dura a campaña, e para que a clientela saiba que o comercio está participando nesta iniciativa, a imaxe da campaña estará visible a través de:
- unha chapa que levará o persoal que traballa no comercio.
- un adhesivo colocado na porta ou escaparate do local.


