O Concello de Vilagarcía acolleu o 18 de abril a presentación da campaña de Alingua para 2023: É túa, pásaa!
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, xunto coa técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón, Adela Pita, desprazáronse ata este concello para participar no acto de presentación do programa de actividades para os vindeiros meses de Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, da que o Concello de Narón forma parte.
Na presentación participaron Sonia Outón e Tania García, concelleira de Cultura e Normalización Lingüística e tenente da Alcaldía do Concello de Vilagarcía de Arousa; Leticia Santos Paz, alcaldesa do Concello de Moaña, que exerce a vicepresidencia de Alingua; Victoria Quiroga Ramallo, concelleira de Cultura do Concello de Rois; e Martiña Pérez, unha das protagonistas da webserie que formará parte da axenda de actividades. Asistiron ademais responsables políticos e técnicos dos concellos de Ames, Betanzos, Narón, A Baña, Pontevedra, Teo e Santiago.
Leticia Santos Paz explicou a importancia da colaboración, que rendibiliza mellor os esforzos e achega visibiliade as accións para dinamizar o uso da lingua, facendo que alcancen maior impacto e incidencia na sociedade. “Unir esforzos, sempre suma e Alingua ten os brazos abertos para calquera entidade que teña como obxectivo a defensa e a promoción do uso da lingua galega”.
“É túa. Pásaa!, o lema da campaña de Alingua no ano 2023 e fai unha chamada á acción: usa e transmite a túa lingua, o galego”, explicou Victoria Quiroga Ramallo. Esa expresión xa comezou a colocarse nas fachadas dalgúns edificios municipais e continuará facéndose popular como retrouso do tema musical da campaña, unha creación orixinal de Fátima Pego, recoñecida cantante e comunicadora, e Grande Amore, destacado artista do panorama musical actual, que “convida a coidar a lingua pero sobre todo convida a falala, a usala”. Para dar continuidade á campaña repartirase material promocional como vinilos e bandeirolas, para que a veciñanza e os colectivos poidan facer visible o seu apoio a esta campaña e tamén para que aquelas persoas que non falan galego, se animen a dar o paso.
Xunto ao vídeo, no mes de maio estrearase nas distintas canles de Alingua a webserie en formato vlog O gran reto, na que tres persoas castelanfalantes amosarán a súa experiencia vivindo en galego durante 21 días. A creadora de contido María Rúa será a presentadora deste proxecto, no que cada protagonista fará un capítulo semanal con distintos desafíos e relatará a súa experiencia na transición lingüística.
“Esta acción recolle o convite do lema da campaña para animar a falar a todas esas persoas que lle queren ben á nosa lingua pero que non a dan falado. Queremos que a xente se implique neste gran reto de probar a falar galego, e non só durante as tres semanas que dura, senón que se atrevan a dar o paso de falar esta lingua, pois para que unha lingua teña futuro, precisa falantes”, explicou na rolda Victoria Quiroga Ramallo. Martiña Pérez, unha das participantes, admitiu que o desafío lle resulta “complexo por vivir nun contorno maioritariamente castelanfalante”, pero confesouse preparada para a “aventura”.