Este sábado tiña lugar na igrexa do convento de Santa Clara de Pontevedra o acto de entrega dos Premios Mil Primaveras, que xa vai pola súa terceira edición, impulsados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).
Estes premios nacen coa finalidade de recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a valorización e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e prestixio. Buscan recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística.
Entre os premios outorgados, o premio para o mellor proxecto estabilizado foi para a web Do berce á rúa que desenvolve desde 2010 o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón, por ser un dos primeiros espazos que se creou con recursos para a crianza en galego e que serviu de modelo para un programa referente coma o Apego, co cal convive e coopera. Os seus recursos son útiles tanto para as familias como para o persoal de educación que queren criar e educar os nenos e nenas en galego.
Recolleu o premio a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, e a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, que agradeceron tanto o premio como a creación dos Premios Mil Primaveras que visibilizan en poñen en valor proxectos que fomentan o uso e o prestixio da lingua galega.
Outros proxectos premiados foron CantáMOLA en galego, Twitter en galego e Instagram en galego, Somos xogo, Dicionario galego para boomers e Media Laranxa.