Neste momento estás a ver Do berce á rúa. Achégalle o galego desde o berce

Do berce á rúa. Achégalle o galego desde o berce

  • Categoría da entrada:Recursos

Cada vez atopamos máis recursos en galego para as crianzas, e entre estes recursos queremos darvos a coñecer a web Do berce á rúa, unha proposta que, de seguro, lles vai encantar.

Do berce á rúa é un espazo web lúdico-educativo que, tal e como se reflicte no lema “achégalle o galego desde o berce”, busca a participación das familias na tarefa de incorporar o galego na comunicación familiar desde o primeiro momento. Así, neste web www.dobercearua.gal podemos atopar recursos lúdicos e educativos como contos, xogos, cancións, arrolos, primeiras palabras, e incluso un vídeo que nos ensina a facer un disfrace dunha árbore autóctona galega… e tamén recursos moi útiles sobre a saúde, nomes en galego, consellos de crianza,…

Mais non só poden botar man destes recursos as familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos, senón tamén os mestres e mestras de educación infantil que poden aproveitar esta ferramenta para traballar cos máis pequenos nas aulas.

Esta web, impulsada desde a Concellaría de Ensino e Bibliotecas do Concello de Narón, a través do Servizo de Normalización Lingüística,  foi creada en 2010 e actualízase periodicamente con novos recursos e materiais que van xurdindo, dándolle preferencia ao formato audiovisual, o que a fai moi práctica para os dispositivos electrónicos como tabletas ou teléfonos móbiles.