No Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón levamos a cabo diferentes programas de dinamización lingüística para avanzarmos na normalización social do galego.

Propostas normalizadoras

Un proxecto que busca aproveitar a creatividade, o potencial, a capacidade, a enerxía, as boas ideas e a iniciativa da mocidade de Narón para incrementar a presenza da lingua galega no municipio.

É unha iniciativa dirixida ao alumnado de ESO dos centros educativos de Narón, coordinada a través dos EDLG, para coñecer as medidas, as ideas que propón a rapazada para impulsar a normalización lingüística en diferentes ámbitos e sectores do concello.

Pero ademais das ideas está a participación, a implicación e o traballo. O SNL elixirá aquelas propostas normalizadoras que teñan un maior impacto no uso e na imaxe da lingua galega para desenvolvelas en colaboración co alumnado.

Os centros educativos do concello de Narón que impartan ESO e que estean interesados en participar poden poñerse en contacto co SNL no correo electrónico a.pita@naron.gal.

Froitas e verduras, en galego

Carmen Gálvez Castro, Claudia Rego Serantes, Uxía López Sánchez, Ayelén Rodríguez Villarino, Marcos Vidal Bouza, Bianca Mouriz Rosa, Blanca Vidal Vilela, Mª Teresa Pacheco García, Raúl Villares Vázquez e Alba Vieito Vázquez, alumnado de 4º da ESO do IES As Telleiras desenvolveron no curso académico 2022-2023 a proposta normalizadora: Froitas e verduras, en galego.

Esta proposta ten como obxectivo incrementar a presenza do galego nas froitarías de Narón, mostrándolle á clientela os nomes das froitas e das verduras en galego para que se anime a mercalas empregando esta lingua.

O alumnado deseñou un cartel que contén o nome de froitas e verduras en galego, que se repartiu entre as froitarías de Narón. O deseño editouse en diferentes formatos para darlle unha maior difusión entre as veciñas e veciños.

Ademais, as froitarías recibiron xogos de cartas infantís coas froitas e verduras deseñadas polo alumnado para repartir entre a súa clientela máis nova co obxectivo de achegarlles novos recursos infantís en galego ás nenas e nenos e promover o uso desta lingua neste grupo de poboación, fundamental para o futuro do idioma.

Guizo é un proxecto que busca mellorar a socialización en lingua galega das nenas e nenos de 6 a 12 anos creando un espazo de lecer para familias que xire ao redor do contacto coa natureza e do seu coidado e respecto.

A natureza é un ben que debemos coidar e no que as nenas e nenos se poden divertir e aprender. Guizo busca ofrecer un lecer máis natural, afastado de pantallas, que fomente a creatividade, que valore a importancia de coidar a natureza, que achegue coñecementos que as crianzas poidan trasladar á súa vida cotiá, e, en definitiva, que vivan unha experiencia divertida e emocionante, en galego.

Guizo organiza actividades para vivir e gozar en familia, nas que nenos, nenas e maiores poderán reciclar, construír xoguetes ou xogar con materiais da natureza, plantar sementes e coidalas, facer sendeirismo para coñecer o seu contorno…

Pódese consultar toda a información sobre as actividades programadas nesta web (no apartado de actividades) e, ademais, as familias que queiran recibir información periódica sobre estas propostas só terán que inscribirse no programa e para facelo só será preciso enviar un correo ao enderezo a.pita@naron.gal solicitando a adhesión e incluír os seguintes datos: nome, apelidos e ano de nacemento do neno ou nena; nome e apelidos do pai e/ou nai; correo electrónico; e teléfono de contacto.

Obradoiros de regueifas

Unha acción formativa que busca familiarizar o alumnado de ESO dos centros educativos de Narón coa regueifa, un xénero de improvisación oral do patrimonio cultural galego que atrae a mocidade polo enxeño e a creatividade que implica e, por medio dela, promover o uso da lingua galega.

Quen pode participar?

Os centros educativos do concello de Narón que impartan ESO. Poden solicitar os obradoiros a través do enderezo electrónico do SNL a.pita@naron.gal.

En que consiste?

A regueifa é unha disputa dialéctica improvisada en verso polo que se traballan contidos como a estrofa, a rima, a tonada, o verso, a musicalidade…, todas elas características intrínsecas da poesía, así como a arte da improvisación e da retranca nunha sesión de hora e media de duración, en horario escolar e será impartido por unha regueifeira ou regueifeiro con experiencia na poesía improvisada.

A mocidade ten moito que regueifar en galego!!!

Do berce á rúa

É un espazo web lúdico-educativo que contén numerosos recursos en galego para nenos e nenas de 0 a 6 anos.

Tal e como se reflicte no lema “achégalle o galego desde o berce”, este web busca a participación das familias na tarefa de incorporar o galego na comunicación familiar desde o primeiro momento e por iso no web atoparedes contos, xogos, cancións, arrolos, primeiras palabras,… e tamén recursos moi útiles sobre a saúde, nomes en galego, consellos de crianza,…

Pero este web non só vai dirixido ás familias, tamén ao profesorado de infantil e das escolas infantís ou a toda aquela persoa que queira coñecer ou empregar recursos infantís en galego.

Os nenos e nenas poden aprender e divertirse en galego!!!

Apego nace para axudar á socialización en galego das nenas e dos nenos desde o berce, para arroupar a crianza en galego desde a primeira infancia.

Apego é un programa colectivo no que participan varios concellos galegos, entre eles Narón, dirixido ás familias e ao contexto social dos nenos e nenas nos seus primeiros anos de vida

Como axuda á socialización en galego?

  • Achega argumentos que convidan á reflexión sobre a importancia da crianza en galego.
  • Crea e difunde recursos, materiais e actividades que axudan á socialización en galego.
  • Procura a existencia de redes e comunidade que sosteñen e apoian o uso do galego.

A quen vai dirixido?

A familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos e persoal que traballa en espazos de socialización como escolas infantís, ludotecas,…

Como formar parte do Apego?

Para todas as familias que estades agardando un bebé ou que teñades crianzas de ata 6 anos e que queredes que o galego forme parte da vosa vida podedes adherirvos ao programa Apego a través da súa web ou podedes visitar o Servizo de Normalización Lingüística, onde vos explicaremos polo miúdo o proxecto e, ademais, levaredes como agasallo unha caixa de benvida.

Apego en rede

Convidámosvos a que visitedes o web, o Facebook e a canle de Youtube do Apego

Apego arroupa a crianza en galego!!!

Club de Debate

Club de Debate é un programa cooperativo no que participan varios concellos galegos, entre eles Narón, que promove e valora o uso oral do galego, o espírito crítico, a tolerancia e o traballo en equipo na mocidade.

Diríxese ao alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato, ou cursos equivalentes dos ciclos formativos, dos concellos participantes e a rapazada que se anime a debater neste certame deberá agudizar o enxeño para buscar todas as argumentacións posibles para reforzar as ideas, o que tamén facilita a capacidade de análise e de interpretación da realidade e sempre coa axuda do profesorado que prepara os equipos.

Crea espazos de socialización e convivencia para activar a lingua a través de xornadas de formación, traballo de investigación e ensaio, e intensas xornadas de debate con tempo para o lecer.

Sigue o Club de Debate polo Facebook.

A mocidade ten moito que dicir en galego!!!

O nobelo do tempo en Narón

Temos infinidade de panxoliñas, adiviñas, cantos de berce, contos, lendas, refráns en lingua galega que acompañaron desde hai séculos os galegos e galegas durante as xeiras de traballo, nos momentos de lecer en romarías e festas, nos xogos dos máis pequenos,… Forman parte da literatura popular galega que é unha das máis fermosas manifestacións da nosa cultura e que constitúe unha herdanza inestimable que debe seguir pasando de xeración en xeración, pois é un vehículo de transmisión da nosa lingua, das nosas crenzas, dos nosos costumes e da forma de vivir e de pensar dos nosos devanceiros.

Hoxe en día, a maioría da xente nova descoñece este prezado e valiosísimo patrimonio cultural, por ese motivo o Servizo de Normalización Lingüística realizou unha recolleita en 2013 e 2014 de elementos propios da nosa cultura popular que plasmou no libro O nobelo do tempo en Narón, do que hai dúas publicacións.

O nobelo do tempo en Narón nace grazas á colaboración de moitos veciños e veciñas de Narón que quixeron contribuír poñendo o seu gran de area. Moitas desas persoas participan nas actividades do Centro Municipal Manuela Pérez Sequeiros, na Fundación Terra de Trasancos do Val, na Sociedade Cultural Areosa de Piñeiros ou na Asociación da Terceira Idade de Pedroso, mais tamén participou alumnado do CPR Ayala e do CPR Santiago Apóstol.

Queremos agradecerlle o seu labor a todas as persoas que participaron neste proxecto de recolleita e difusión da literatura popular galega pois coas súas achegas permiten que se poida conservar este tesouro e con el a nosa identidade como pobo, a nosa cultura e o noso idioma, e tamén que o poida coñecer a mocidade. Moitas grazas por participar!!!

Coñeces algún conto, refrán adiviña, canto de berce, lenda, romance, panxoliña, rimas e xogos infantís, trabalinguas, coplas, enredos,…? Compárteo co SNL a través do correo electrónico a.pita@naron.gal e darémoslle difusión.

Se queredes coñecer este sensacional traballo podedes descargar os libros aquí:


Consulta o blog O nobelo do tempo en Narón no que está recollido gran parte do traballo do alumnado do Curso de Creación de Blogs, Curtas e Literatura Popular Galega: Do Conto ao Cine, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística en 2014. A partir do material recollido no libro O nobelo do tempo, e unha vez adquiridos coñecementos básicos en creación de curtas e blogs, este alumnado animouse a crear dúas curtas, Valor de día e Cada can que lamba o seu, curtas que podedes ver neste blog, así como fotos ou momentos das gravacións. Estas dúas curtas, ademais de partir de elementos da nosa literatura popular, son dous proxectos audiovisuais moi amenos e cos que o pasaredes moi ben e botaredes unhas risadas. Tampouco vos podedes perder a curtametraxe Narón, unha cidade XL que creou este mesmo alumnado para conmemorar que en 2014 Narón chegou aos 40.000 habitantes.

Felicita o Nadal en galego

Cando se achegan estas datas tan sinaladas sempre buscamos unha forma orixinal, entrañable ou sorprendente de desexar un bo Nadal á familia e ás amizades, sobre todo a aquelas persoas que non temos preto de nós.

Desde o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón queremos animarvos a todas e a todos a que felicitedes o Nadal en galego, a que empreguedes esta lingua nosa, propia, única e marabillosa, para desexarlles unhas felices festas ou un venturoso ano aos vosos seres queridos.

Poñemos á vosa disposición varias postais para felicitar o Nadal en galego. Podedes descargalas e enviarllas á familia e amizades a través das redes sociais, aplicacións móbiles, correo electrónico,… ou se elixides unha opción máis tradicional, podedes imprimilas e envialas por correo postal.

Ademais, se queredes crear os vosos propios textos de felicitación en galego e non vos sentides con seguridade na escrita desta lingua, podedes envialos ao correo a.pita@naron.gal e farémoslle unha revisión lingüística, de balde.

O Nadal é un tempo de xuntanzas familiares, de desexos, de promesas, de ilusións, de soños, de brindes e, como non, de felicitacións.

Aquí vos deixamos varias postais para que escollades a que máis vos guste:

Narón gaña co galego

Narón gaña co galego é un programa que busca promover o uso do galego no comercio local de Narón

Proxecto de dinamización lingüística dirixido ao comercio local de Narón que ten como obxectivo animar ao uso do galego no comercio local e facilitarlles aos comerciantes materiais en galego para impulsar a venda dos seus produtos e incentivar que a xente merque no comercio local de Narón.

Como anima ao uso do galego?

  • Proporcionando materiais útiles e atraentes aos comercios para impulsar as vendas.
  • Publicitando os comercios que empreguen a lingua galega na atención ao público e/ou nas redes sociais.
  • Facilitando asesoramento lingüístico aos comerciantes que o requiran.
  • Programando formación tanto lingüística como do ámbito do comercio que responda ás necesidades do comercio local.

Quen pode participar?

Poderán participar todos aqueles comercios de Narón que o desexen. Só teñen que enviar un correo electrónico a a.pita@naron.gal incluíndo os seguintes datos: nome do comercio, o nome da persoa propietaria do comercio e teléfono de contacto.

Con esta participación, desde o Servizo de Normalización Lingüística queremos coñecer as suxestións e demandas dos comercios locais de Narón para poder proporcionarlles a formación, recursos e materiais precisos para que poidan desenvolver a súa actividade profesional en galego.

Por que “Narón gaña co galego”?

Gañan as veciñas e veciños de Narón, ao poder ser atendidos na lingua propia, mercar na lingua propia; vivir con normalidade na lingua propia; pero tamén gaña o comercio, pois o galego é percibido por moitos clientes como un valor engadido, asociado a proximidade, calidade e autenticidade e, polo tanto, un ben que favorece a venda dos seus produtos.

Alingua nace en 2019 como asociación de entidades locais coa vontade de promover, coordinar, dinamizar, impulsar, asesorar, apoiar, fomentar… todas aquelas accións que teñan como fin un maior uso da lingua galega.

Forman parte dela numerosos concellos galegos, entre os que se atopa Narón, que xa colaboraban, a través dos seus servizos de normalización lingüística, en proxectos colectivos como o Apego, o Club de Debate, Youtubeir@s ou Enreguéifate e poderanse unir todas aquelas entidades locais que o desexen, sempre que conten cun servizo de normalización lingüística, así como entidades públicas ou privadas, que teñan entre os seus obxectivos a defensa e promoción da lingua galega, en condición de entidades amigas.