Este ano a Real Academia Galega dedícalle a Xela Arias o Día das Letras Galegas, unha muller inconforme, como ela se declaraba, que destacou pola súa poesía, transgresora e transformadora, aínda que tamén dedicou a súa vida á tradución de numerosas novelas e contos ao galego, á edición e á docencia. A palabra sempre foi importante para ela, así como a lingua, pois consideraba que “o idioma é o principal signo dunha cultura”.
O Concello de Narón quere renderlle unha pequena homenaxe para o que organiza o N de Narón. A festa das letras, un programa de actividades para o público infantil e familiar que se desenvolverá este luns 17 de maio na praza da Lectura (Vivendas da Mariña), no que tamén participa o Servizo de Normalización Lingüística.
12.00 h Aldara na montaña con Soraya Lema (teatro)
13:00 h O soño dos golfiños con Golfiños (música)
17:00 h Carabranca con Compañía Elétrica (narración oral)
17:50 h Picnic con Perez&Fernández (teatro e narración oral)
18:45 h A música das buguinas con Mamá Cabra e Bellón Maceiras (música)
Ademais, o Servizo de Normalización Lingüística entregou bolsas coa imaxe de Xela Arias e uns versos representativos da súa obra poética entre diversas librerías de Narón para difundir a súa figura entre a clientela que merque nestes establecementos.
“Unha nova palabra ou maxia branca
que destrúa incinere como agora
eu fago de maxia e palabras cinzas
algo premeditado
que cumplo e é un tributo ó que me afago”