Neste momento estás a ver Crenzas de San Xoán

Crenzas de San Xoán

Logo do San Xoán comeza o solsticio de verán, polo que a tradición popular cre que a noite antes, a do vinte e tres de xuño, é cando ataca o mal, xa que despois, á mañanciña seguinte, o sol escintila e mata a escuridade. Con respecto a isto hai aquel dito de que “no comezo do día de San Xoán baila o sol”.

En Galicia celébrase este día adornando na véspera as fiestras, portas e buratos das paredes con flores e herbas milagreiras: fiúncho, flor de sabugueiro, rosas, espadanas, cardos, fieitos, flores de San Xoán e santamarías, para que esa noite o mal non entre nas casas. A mestura de herbas pode variar duns lugares a outros, pero as plantas que sempre soen estar presentes son o fiúncho, o fieito, a malva, a herba luísa e como non a herba de San Xoán.

Tamén se poñen a remollo en auga estas herbas, que quedan ao luar para que lles dea o orballo. Ao día seguinte hai quen se lava con esa auga purificadora e o beneficio será dobre se a auga foi recollida en sete fontes. En moitos lugares a esta mestura de herbas que se pon a remollo chámaselle “cacho”. Estas herbas teñen que ser collidas na véspera de San Xoán pola tardiña, antes de se meter o sol.

Outra das crenzas é que non se debe deixar a pota do leite destapada por se as meigas lavan o cu nela.

Hai quen bota unha clara de ovo nun vaso, que á súa vez pon no alzadeiro da cociña para ao outro día predicir o seu futuro. Se a figura que sae alí é un barco, unha catedral ou outra cousa será a interpretación, aínda que tamén había outra versión que é que no debuxo se ve a profesión que vai ter o teu futuro marido.

Para escorrentar o mal sáltanse as cacharelas, lumes, fogueiras,… ou como se chamen en cada recuncho de Galicia. Ao saltar o lume polo menos tres veces, cántanse cousas coma esta:

                                                                    Cacharela de San Xoán

                                                         para que non me trabe cadela nin can

                                                                         nin can nin cadela

                                                           nin cousa mala que haxa nesta terra.

Máis info sobre tradición oral en:  O nobelo do tempo en Narón