Alumnado do IES As Telleiras presentou hoxe no centro de saúde de Narón Coida a túa lingua, unha proposta para que os nenos e as nenas aprendan dun xeito divertido o nome dalgunhas especialidades médicas e doenzas en galego. O obxectivo desta iniciativa é achegarlles novos recursos infantís en galego ás nenas e nenos, neste caso centrados no léxico sanitario, e promover o uso desta lingua neste grupo de poboación, chave no o futuro do idioma, así como incrementar a presenza do galego no ámbito sanitario.
Rapazas e rapaces de 1º da ESO idearon e deseñaron, co apoio das profesoras Mª Carmen Suárez Rey e María Yáñez Gradaílle, un xogo de cartas con léxico galego sobre especialidades médicas e enfermidades, e co que tamén as nenas e nenos aprenderán o nome de instrumental médico, medicinas, órganos, síntomas… e entregaron exemplares deste xogo ao persoal de Pediatría para que os repartan entre as familias que asisten a este servizo.
Esta proposta xorde no marco de Xera, un proxecto de dinamización lingüística impulsado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón, que busca aproveitar as ideas, a creatividade e o potencial que ofrece a mocidade de Narón para incrementar a presenza do galego no municipio. É o alumnado de ESO, dos centros educativos de Narón, o que presenta as súas propias propostas normalizadoras, que poden ir dirixidas a calquera ámbito ou sector.
Pero ademais das ideas está a participación, a implicación e o traballo. O Servizo de Normalización Lingüística municipal elixe unha entre todas as ideas achegadas e será o alunmado que a presenta o encargado de desenvolvela coa axuda do profesorado.
Na web do Servizo de Normalización Lingüística www.naronengalego.gal pódese consultar toda a información sobre Coida a túa lingua e imprimir o xogo de cartas (no apartado de dinamización ou directamente no enlace: https://naronengalego.gal/dinamizacion/#xera).