Este curso regresa o programa As nosas tradicións ás escolas infantís municipais de Narón, unha iniciativa impulsada pola Concellaría de Política Lingüística do Concello de Narón, a través do Servizo de Normalización Lingüística.
Unhas cen familias, con nenas e nenos que cursan nas escolas infantís municipais da Gándara, Piñeiros e A Solaina, no grupo de 2 a 3 anos recibirán, ao longo do curso, uns folletos que inclúen información, curiosidades e recursos lingüísticos sobre as tradicións culturais galegas máis emblemáticas (como o magosto, o Samaín, a esfolla, O Nadal, o Entroido, Os Maios, o San Xoán,…) e como se viven en Narón, así como algunhas das celebracións institucionais máis importantes para a nosa lingua e a nosa cultura como o Día das Letras Galegas, o Día de Rosalía, o Día de Narón,…
O primeiro dos folletos, que se lles entregou hoxe ás familias, coincidindo coa celebración do Samaín mañá 31 de outubro, foi o que recolle as tradicións que se festexan no outono como o son o magosto, a esfolla ou o propio Samaín.
Ademais, As nosas tradicións tamén busca que as familias coñezan e participen no programa Apego, un programa orientado a mellorar a socialización en galego desde o berce a través da organización de actividades para as familias, da elaboración e difusión de recursos e materias en galego para a crianza,…
Estes folletos tamén se poden descargar na web do Servizo de Normalización Lingüística www.naronengalego.gal no apartado de dinamización, ou directamente no enlace: https://naronengalego.gal/dinamizacion/#nosastradicions

