A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). É unha representación colectiva, coa que se quere recoñecer a importancia da poesía popular oral, e ás mulleres cantareiras como principais transmisoras da nosa música, da nosa lingua e da nosa cultura.
Un ano máis, o Concello de Narón organiza o N de Narón. A festa das letras, un programa de actividades para todos os públicos que se desenvolverá o 17 de maio na praza da Lectura e no Pazo da Cultura, e o 18 de maio no Café Teatro, no que participan as concellarías de Festas e Bibliotecas, o Padroado da Cultura e a Concellaría de Política Lingüística a través do Servizo de Normalización Lingüística.
A praza da Lectura ofrecerá teatro, xogos, lectura e música para conmemorar o Día das Letras Galegas, sendo as protagonistas da xornada as cantareiras do Padroado da Cultura. As actividades previstas son:
| 11:30 h A libraría máxica de Inventi Teatro
12.30 h Cantareiras do Padroado da Cultura 17.00 h Contos de lobos de Teatro Ghazafelhos 18.00 h Banda de Gaitas do Padroado da Cultura De 12.00 a 14.00 h e de 17.00 a 19.00 h xogos populares |
Estarán presentes neste evento a Biblioteca Municipal para promover a lectura entre as persoas asistentes e as librarías Pasapáxina e Day, que porán á venda exemplares en galego para todos os públicos. Esta última traerá ás escritoras Paula Merlán, pola mañá, e Ana Meilán, pola tarde, para firmar as súas obras.
Tamén o Pazo da Cultura acollerá ás 20.00 h o espectáculo A cincenta que non quería comer perdices de Sarabela Teatro. As entradas para ver esta obra teatral pódense recoller na billeteira do Pazo ou a través da web do Padroado e o seu prezo é: 5,50 € para menores de 14 anos; 6,65 € para persoas abonadas e tarifa reducida; e 9,50 € para público xeral.
E para rematar a celebración, o Café Teatro acollerá un Obradoiro de Cantareiras – canto e pandeireta- o domingo 18 de maio, de 10.00 a 14.00 h ao que poderán asistir todas aquelas persoas que o desexen inscribíndose previamente no Pazo da Cultura a partir do luns 12 de maio en horario de atención ao público (de luns a xoves de 09.00 a 13.30 h e de 17.30 a 19.00 h e os venres de 09.00 a 13.30 h). O obradoiro, que ten prazas limitadas, ten un custo de 25 euros e será impartido polo recoñecido cantante, coreógrafo, bailador, e coordinador da sección de canto da OFG SonDeSeu, e cunha importante labor no ámbito da recuperación etnográfica, Xisco Feijoó.
Descarga aquí o cartel
