Ruada do Apalpador con Semente de Trasancos

Ruada do Apalpador polos comercios de Narón con cantos de Nadal

O Apalpador é a figura mítica dun xigante carboeiro, ligado á tradición galega do Nadal, que baixa a noite do 24 ou 31 de decembro, segundo a zona, para visitar os nenos e nenas, tocándolles a barriga para ver se comeron abondo durante o ano. Déixalles unha presada de castañas e, eventualmente, algún agasallo desexándolles que teñan un ano novo cheo de felicidade e fartura.

O Apalpador, este 26 de decembro, descenderá das montañas do Courel para visitar os comercios de Narón e cantarlles algunhas cancións de Nadal para animar as festas. Virá cargado de castañas para as nenas e nenos que se unan á ruada e poderano acompañar nesta visita aos comercios todas as persoas que o desexen.

As persoas participantes aprenderán da man da Semente de Trasancos algunha canción de Nadal para cantar co Apalpador nos comercios e  animamos a que traian algún instrumento (pandeiretas, tambores, castañolas,…) para amenizar o percorrido e tamén que veñan vestidas coa indumentaria tradicional galega para contribuír a ambientar esta troula. Ademais, os comercios terán preparado algún agasallo sorpresa para as nenas e nenos participantes.

Esta ruada busca poñer en valor a celebración do Nadal en galego, coa recuperación da figura do Apalpador e dos cantos de Nadal, así como visibilizar o comercio local de Narón, que se caracteriza por achegar á súa clientela confianza, experiencia e calidade no trato.

Día: xoves, 26 de decembro de 2024

Hora: ás 18:00 h

Lugar: centro cívico social do Alto do Castiñeiro (o ensaio das cancións de Nadal e o punto de saída da ruada) e parada en varios comercios da zona Alto.

Destinatari@s: poderá asistir calquera persoa que o desexe. Os/as menores deberán ir acompañados, como mínimo, dunha persoa adulta.

 Actividade de balde, mais precisa inscrición previa a través de a.pita@naron.gal

Na inscrición deben aparecer os seguintes datos:

  • nome da actividade
  • nome e apelidos  da persoa participante (no caso de menores, poñer tamén a idade)
  • nome da nai, pai ou persoa acompañante/responsable (no caso de menores)
  • enderezo electrónico
  • teléfono de contacto

A participación será por estrita orde de inscrición.

Organiza: Servizo de Normalización Lingüística – Concellaría de Política Lingüística do Concello de Narón e Asociación de Comerciantes de Narón (programa Narón gaña co galego)

Esta acción insírese no proxecto Narón gaña co galego que busca promover o uso do galego no comercio local de Narón. É un proxecto de dinamización lingüística dirixido ao comercio local de Narón que ten como obxectivo animar ao uso do galego no comercio local e facilitarlles aos comerciantes recursos, formación e asesoramento lingüístico para que poidan desenvolver a súa actividade laboral en galego.

 

Data

26 Dec 2024
¡Caducado!

Hora

18:00 - 19:30

Localización

Centro cívico social do Alto
R/Manuel Antonio, nº7, 15570 Narón (A Coruña)
Categoría

Organizador

SNL do Concello de Narón
Teléfono
981337700 (ext. 1516)
Correo electrónico
a.pita@naron.gal