Obradoiro de creación de contidos en galego
O Concello de Narón organiza un obradoiro de creación de contidos dixitais en galego para aquelas persoas, maiores de 16 anos, que queiran comezar a crear contido de calidade con impacto e estratexia nas redes sociais.
Este obradoiro, impartido por Nuria Espasandín, de Toxío, e por Laura Veiga, de Pingando, desenvolverase no centro cívico social do Alto, o xoves 9 de outubro de 18.00 a 19.40 h e nel traballaranse contidos como a identidade dixital, análise de contidos e tendencias, estratexia e planificación, técnicas para mellorar a calidade dos contidos ou interacción e construción de comunidade e daranse a coñecer o proxecto Youtubeiras+ e o seu certame, impulsores desta xornada formativa.
Para poder participar é preciso enviar previamente unha solicitude ao correo electrónico a.pita@naron.gal na que consten os seguintes datos: nome do obradoiro, nome e apelidos da persoa participante, enderezo electrónico e teléfono de contacto. Os/as menores de idade teñen que enviar, ademais, unha autorización asinada polo pai/nai ou titor/a legal para poder asistir. Descargar autorización
O proxecto Youtubeiras+, no que participan os servizos de normalización lingüística de dez concellos, entre eles o de Narón, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña, ten como finalidade estimular a creación en galego nas redes sociais con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas creadoras na Rede.
Pódese consultar toda a información sobre Youtubeiras+, o seu certame e os obradoiros de creación de contidos na web www.youtubeiras.gal.

