Márketing dixital en Instagram e as súas posibilidades para o comercio

Co obxectivo de que os comercios de Narón teñan unha maior presenza e visibilidade no mundo dixital, incrementen a venda de produtos, e de mostrarlles as vantaxes de usar o galego nas súas redes sociais, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón, no marco do proxecto Narón gaña co galego organiza o curso Márketing dixital en Instagram e as súas posibilidades para o comercio no que se traballarán os seguintes contidos:

  1. Beneficios de Instagram como rede social para o noso comercio. Por que debemos usalo?  Alcance para novos mercados e captación de cliente.
  2. Casos de éxito próximos.
  3. Primeiros pasos: Como crear o teu perfil comercial en Instagram?; Configura o teu perfil; Personalización e construción de marca; Inicio e manexo profesional.
  4. Tipos de contidos e publicacións en Instagram. Cando utilizar cada unha e como facelas? Requisitos técnicos de cada unha delas.
  5. Storytelling e desenvolvemento de contidos. Calendario editorial. Aplicacións que axudan a crear contido máis atractivo.
  6. Ferramentas e trucos para edición de imaxe para Instagram.
  7. Campañas publicitarias en Instagram.
  8. Casos prácticos.
  9. A lingua galega no comercio

Esta actividade formativa terá unha duración de 20 horas (13 horas por videoconferencia) e 7 horas de tarefas prácticas, ademais dunha hora de titoría individualizada para cada participante tamén a través de videoconferencia.

Os horarios previstos para as videoconferencias serán de 21:30 a 22:30 h, de luns a venres entre os días 6 e 22 de xuño, ambos os dous incluídos, abríndose a posibilidade de que as persoas participantes que non poidan asistir a algunha sesión teñan a opción de descargala e poder visualizala posteriormente. Ademais, a sesión de titoría adecuarase ao horario que mellor lle conveña á persoa participante.

Hai 20 prazas dispoñibles dirixidas aos comercios de Narón. Terán prioridade os comercios que estean adheridos á campaña Narón gaña co galego. A inscrición realizarase a través do correo electrónico a.pita@naron.es, na que se deben incluír os seguintes datos: nome da persoa participante; nome do comercio que xestiona ou atende; teléfono e correo electrónico de contacto.

Narón gaña co galego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ao comercio local de Narón que ten como obxectivo animar ao uso do galego no comercio local e facilitarlles aos comerciantes materiais, formación e asesoramento en galego para impulsar a venda dos seus produtos e incentivar que a xente merque no comercio local de Narón do que poden formar parte todos aqueles comercios de Narón que o desexen.

Máis info: www.naronengalego.gal

Data

06 Xuñ 2022
¡Caducado!

Hora

21:30 - 22:30

Localización

Nombre del lugar
Categoría