Festa do Apego 2022

Unha xornada con música e narración oral para toda a familia

Día:  sábado 17 de setembro

Lugar:  parque de Freixeiro (en caso de chuvia trasládase ao auditorio municipal, avisarase previamente a través das redes sociais municipais)

Destinatari@s: público familiar.  Actividades de balde e sen inscrición previa. Recomendamos que as familias leven unha mantiña para sentar na herba.

Organiza: Servizo de Normalización Lingüística – Concellaría de Ensino e Bibliotecas do Concello de Narón (proxecto Apego)

Programación:

Roupa tendida de Xarope Tulú:  ás 18:00 h

O soño dos Golfiños de Golfiños: ás 19:00 h

 

Roupa tendida de Xarope Tulú| 45 min

Roupa tendida é un espectáculo de narración oral que procura afondar na literatura de tradición oral.
Contar hoxe os contos de onte permítenos reflexionar sobre as nosas crenzas, observalas coa perspectiva do tempo, contalas desde a visión daquelas pequenas que se fixeron grandes e cuestionaron unha e outra vez o papel das silenciadas, das subversivas, das que non tiveron voz.
Contar o pasado para construír o futuro!

O soño dos golfiños de Golfiños| 45 min

Cun olliño aberto e o outro pechado os golfiños dormen, sempre atentos, dispostos a saltar en calquera momento e chegar ás nubes máis altas cos seus brincos, buscando o seu soño… Neste espectáculo os Golfiños viaxarán por un mar de músicas cun repertorio moi variado, cantando novos temas e lembrando as súas cantigas de sempre. Enriba do escenario, unha guitarra, un teclado e a voz de Elena Paz.
Nesta viaxe, na procura do soño dos golfiños haberá tempo para bailar, xogar, cantar, rir e soñar, gozando todos e todas en familia deste divertido concerto. Unha oportunidade para volver a casa feliz, cun sorriso nos beizos, cantaruxando novas melodías, e valorar esas pequenas cousas da vida que nos unen. Soñemos cos Golfiños…

 

 

 

 

 

 

Data

17 Set 2022
¡Caducado!

Hora

18:00 - 20:00

Localización

Parque de Freixeiro
Categoría