Cantámosche os Reis de Pablo Díaz
Obradoiro de cantos de Nadal, Aninovo e Reis
O Nadal ten os seus propios cantos. Diferéncianse tres tipos en función da data festiva á que fan referencia: Noiteboa, Aninovo ou Reis. Eses cantos, presentes en toda Galicia, reciben diferentes denominacións nas distintas zonas ou comarcas: noitiña de Nadal, nadales ou panxola de Nadal para Noiteboa; maitines, aninovos, manueles ou xaneiros, para o primeiro día do ano; reis, reices ou reises para o 6 de xaneiro. Actualmente, entre as persoas descoñecedoras deste tema é común a denominación panxoliña referida ao conxunto de cantares, mais, en realidade, a denominación correspóndelle a cantigas moito máis modernas e de temática, distribución e melodías totalmente diferentes.
Este obradoiro de cantos de Nadal, Aninovo e Reis será impartido por Pablo Díaz. Con este obradoiro, que ten como obxectivo recuperar a tradición oral galega e promover e reforzar a celebración do Nadal en galego así como visibilizar o comercio local de Narón, as persoas participantes coñecerán en que consisten os cantos de Nadal, Anionovo e Reis e aprenderán algún, para posteriormente ir por algúns comercios da zona da praza da Gándara a poñelos en práctica cantándoos e pedindo o aguinaldo.
Ademais de contar coa inestimable experiencia de Pablo Díaz para impartir e dinamizar este obradoiro, tamén participarán os membros do grupo Xemelgas para amenizar coa zanfona os cantos de Reis.
Esta acción insírese no proxecto Narón gaña co galego que busca promover o uso do galego no comercio local de Narón. É un proxecto de dinamización lingüística dirixido ao comercio local de Narón que ten como obxectivo animar ao uso do galego no comercio local e facilitarlles aos comerciantes recursos, formación e asesoramento lingüístico para que poidan desenvolver a súa actividade laboral en galego.
Data: mércores, 4 de xaneiro de 2023
Horario: ás 17:30 h (duración aproximada: 1 hora a parte teórica e de ensaio; e 1 h e 30 minutos a posta en práctica)
Lugar: Casa da Mocidade (a parte teórica e de ensaio) e ao redor da praza da Gándara (a posta en práctica)
Destinatari@s: poderá asistir calquera persoa que o desexe (recoméndase que os/as nenos/as saiban ler).
Organiza: Servizo de Normalización Lingüística – Concellaría de Ensino e Bibliotecas do Concello de Narón e Asociación de Comerciantes de Narón (programa Narón gaña co galego)
Actividade de balde, mais precisa inscrición previa a través de a.pita@naron.es
Na inscrición deben aparecer os seguintes datos:
- nome da actividade
- nome e idade da persoa participante
- nome da nai, pai ou persoa acompañante/responsable (no caso de menores)
- enderezo electrónico
- teléfono de contacto
A participación será por estrita orde de inscrición.
Podes descargar aquí o cartel