
Cantámosche os Reis con Pablo Díaz e Olga Kirk
Obradoiro de cantos de Nadal, Aninovo e Reis
Un obradoiro de cantos de Nadal, Aninovo e Reis que será impartido por Pablo Díaz e Olga Kirk. Con este obradoiro, que ten como obxectivo recuperar a tradición oral galega e promover e reforzar a celebración do Nadal en galego así como visibilizar o comercio local de Narón, as persoas participantes coñecerán en que consisten os cantos de Nadal, Anionovo e Reis e aprenderán algún, para posteriormente ir por algúns comercios da zona do Alto a poñelos en práctica cantándoos e pedindo o aguinaldo.
O Nadal ten os seus propios cantos. Diferéncianse tres tipos en función da data festiva á que fan referencia: Noiteboa, Aninovo ou Reis. Eses cantos, presentes en toda Galicia, reciben diferentes denominacións nas distintas zonas ou comarcas: noitiña de Nadal, nadales ou panxola de Nadal para Noiteboa; maitines, aninovos, manueles ou xaneiros, para o primeiro día do ano; reis, reices ou reises para o 6 de xaneiro. Actualmente, entre as persoas descoñecedoras deste tema é común a denominación panxoliña referida ao conxunto de cantares, mais, en realidade, a denominación correspóndelle a cantigas moito máis modernas e de temática, distribución e melodías totalmente diferentes.
Data: martes, 26 de decembro de 2023
Horario: ás 17:30 h (duración aproximada: 1 hora a parte teórica e de ensaio; e 1 h e 30 minutos a posta en práctica)
Lugar: Biblioteca Pública Municipal de Narón (a parte teórica e de ensaio) e parada en varios comercios da zona Alto (a posta en práctica).
Destinatari@s: poderá asistir calquera persoa que o desexe. Recoméndase que os nenos e as nenas saiban ler. Os/as menores deberán ir acompañados, como mínimo, dunha persoa adulta.
Actividade de balde, mais precisa inscrición previa a través de a.pita@naron.gal
Na inscrición deben aparecer os seguintes datos:
- nome da actividade
- nome e idade da persoa participante
- nome da nai, pai ou persoa acompañante/responsable (no caso de menores)
- enderezo electrónico
- teléfono de contacto
A participación será por estrita orde de inscrición.
Organiza: Servizo de Normalización Lingüística – Concellaría de Política Lingüística do Concello de Narón e Asociación de Comerciantes de Narón (programa Narón gaña co galego)
Esta acción insírese no proxecto Narón gaña co galego que busca promover o uso do galego no comercio local de Narón. É un proxecto de dinamización lingüística dirixido ao comercio local de Narón que ten como obxectivo animar ao uso do galego no comercio local e facilitarlles aos comerciantes recursos, formación e asesoramento lingüístico para que poidan desenvolver a súa actividade laboral en galego.