Neste momento estás a ver Abre a inscrición dunha nova edición do Club de Debate Alingua

Abre a inscrición dunha nova edición do Club de Debate Alingua

  • Categoría da entrada:Mocidade

Ata o 27 de novembro está aberto o prazo de inscrición dos equipos, no Servizo de Normalización Lingüística de cada un dos 15 concellos organizadores do Club de Debate Alingua. O Concello de Narón, xunto cos concellos de Ames, Carballo, Dodro, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Val do Dubra. Betanzos, Ferrol, Pontedeume, Ribeira, Santa Comba, Teo e Vilagarcía de Arousa veñen de lanzar unha nova edición desta proposta para dinamizar o uso da lingua galega na mocidade, en contextos formais e informais.

A iniciativa, promovida pola Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega (Alingua),  diríxese ao alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato, ou cursos equivalentes dos ciclos formativos, dos centros de ensino dos concellos participantes. Os equipos estarán formados por grupos de entre 4 e 10 membros e contan cunha persoa docente que se encarga de adestrar, asesorar e representar o equipo.

Antes da competición, e como en edicións anteriores, todos os equipos de cada zona asistirán conxuntamente a sesións formativas para familiarizarse co desenvolvemento dos debates e recibir asesoramento sobre técnicas de comunicación oral e argumentación.

O Club de Debate Alingua promove a creación de espazos de socialización e convivencia para activar a lingua galega a través do conxunto de actividades propostas: as xornadas de formación e as intensas xornadas de debate, que inclúen tempo para o lecer con actividades de convivencia entre o alumnado participante.

Na súa xa longa traxectoria, o Club de Debate Alingua demostrou ser unha ferramenta de éxito non só para a promoción do uso da lingua galega, senón tamén en prol do espírito crítico, a tolerancia ante a diversidade de pensamentos e o traballo en equipo.

Máis información nas redes sociais do Club de Debate Alingua: Youtube, Instagram, Facebook