Neste momento estás a ver A novena edición dos Premios Youtubeiras+ xa ten gañadoras e gañadores

A novena edición dos Premios Youtubeiras+ xa ten gañadoras e gañadores

  • Categoría da entrada:Xeral

Esta tarde, no Teatro Jofre deuse a coñecer o palmarés da novena edición deste certame que, organizado polos servizos normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo; das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo; e mais da Deputación da Coruña, ten como obxectivo promocionar o talento en galego nas redes sociais.

O xurado, formado por Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Jon Amil, médico e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Carlos Pereiro, xornalista e comunicador de videoxogos; María Rúa, creadora de contidos e gañadora do Premio á Creación de Contidos de 2024, e Uxío Broullón, ilustrador e deseñador gráfico; tivo un duro traballo pois a esta edición presentáronse 126 canles, cifra que bateu a marca histórica do concurso e superou a colleitada na edición anterior, en que participaron un total de 89 canles. Nesta edición, que distingue o labor realizado pola comunidade creadora de contidos en galego na Rede ao longo de 2025, permitiuse a concorrencia de perfís en todo tipo de plataformas. Esa foi a gran mudanza nas bases, xa que na oitava edición só puido participar quen tivese perfís no YouTube e TikTok.

Á gala, que foi presentada por Leila Fernández (membro da canle O faiado pódcast) e Carlos Vieito (integrante do proxecto Exército Mekemeke), asistiron representantes das 28 canles finalistas. Os premiados nesta ocasión foron:

O Premio á Creación de Contidos levouno Konachadas. O xurado decidiu galardoar esta canle pola “súa calidade visual, a súa imaxinación e a súa capacidade” para converter calquera temática “nunha mensaxe reflexiva, divertida e reivindicativa apta para todos os públicos”.

O Premio á Mellor Canle distinguiu a Rodri Míguez. O xurado considerouno merecente do galardón “polo seu labor xornalístico, a súa traxectoria e a promoción da música en galego de xeito altruísta”.

O Premio ao Mellor Pódcast recaeu en Fóra de mapa pódcast por “usar as súas voces para crear un conxunto de pezas sonoras en forma de xanela coa que achegármonos á culturas, minorías e linguas, cunha edición coidada e profesional”.

O Premio Calidade Lingüística acadouno Patri Otero por, en palabras do xurado, “utilizar e fomentar o bo uso da lingua galega, así como a súa normalización dun xeito exemplar”.

O Premio Revelación foi para O búnker debuxos. O xurado salientou desta canle a súa capacidade de “sorprender e abraiar a través da animación orixinal e artesanal, dándolle unha nova vida e unha volta a memes de noso”

O Premio Rede conquistouno ChutenMeme por conseguir “a través do humor” xerar “novos lazos virtuais” e facer “medrar a comunidade dixital galega”.

O Premio do Público, o único que non decidiu o xurado ao se determina4 por votación popular a través da Rede, foi para o vídeo Cada historia, unha vida. O 25N no CEIP de Tarrío, de Xurxo Varela.

Á gala de entrega dos Premios Youtubeiras+ asistiron representantes das diferentes institucións organizadoras como o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; e a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro; a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra; a concelleira de Normalización Lingüística de Carballo, Ángeles Pacoret; a Concelleira de Cultura, Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude de Oleiros; María José Santos; a concelleira de Deportes, Relacións Veciñais, Festas e Rural de Santiago, Pilar Lueiro; a concelleira de Asuntos Sociais e Emprego de Rois, María Mercedes Basante, ou a vicerreitora de Igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña, Cristina López.