As fases clasificatorias do Club de Debate Alingua desta nova edición de 2026 comezaron en Narón este luns. No Pazo da Cultura de Narón, os días 2 e 3 de marzo, o alumnado de secundaria participante nesta iniciativa demostrou as súas habilidades comunicativas en galego e a orixinalidade e adecuación dos argumentos para defender a postura a favor e a postura en contra do tema proposto, que este ano é se “O estilo de vida actual é nocivo para a saúde mental da xente nova”.
Nas xornadas clasificatorias que se desenvolveron en Narón participou alumnado de Ferrol, Betanzos, Pontedeume, Carballo en Narón. De Narón este ano participan 7 equipos: 3 equipos do IES Telleiras, 3 equipos do IES Terra de Trasancos e 1 equipo do Santiago Apóstol.
Os dous grupos que máis puntuación sacaron en cada unha das fases clasificatorias gañaron un premio por valor de 800 € para o primeiro clasificado e outro de 500 € para o segundo, foron
- 2 de marzo: 1º clasificado: Grupo Nós do CPR Santiago Apóstol de Narón e 2º clasificado Os Rompentes do IES Breamo de Pontedeume.
- 3 de marzo: 1º clasificado: IES Canido 1 de Ferrol e 2º clasificado Anduriñas do IES Montoxo de Ferrol.
O Concello de Rois acollerá entre os días 4 e 6 de marzo o resto de fases clasificatorias nas que participarán rapazas e rapaces dos concellos de Ames, Dodro, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Val do Dubra, Santa Comba, Teo e Vilagarcía de Arousa.
Os equipos gañadores de cada fase clasificatoria participarán na final do Club de Debate que se desenvolverá en Ames o 25 de abril.
O Club de Debate Alingua é un proxecto de dinamización lingüística que busca incrementar o uso oral do galego e ofrecer recursos para a práctica de habilidades comunicativas, así como promover a reflexión, o pensamento crítico e o intercambio de opinións entre a mocidade.
Esta iniciativa, impulsada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Arzúa, Betanzos, Carballo, Ferrol, Pontedeume, Pontevedra, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Vilagarcía de Arousa e Narón, diríxese a alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º de bacharelato dos centros de ensino dos concellos participantes e nesta edición participan 37 equipos.
Máis info a través das redes sociais do proxecto: Facebook, Instagram, e Youtube.
