O Consello da Cultura Galega celebrou este 21 de outubro a XXVII edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, que este ano chegan baixo o título “Lingua en acción: pasado, presente e futuro dos equipos e servizos de normalización lingüística”. A xornada pon o foco en dous axentes fundamentais para o avance da lingua galega: os Servizos de Normalización Lingüística (SNL) e os Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG), dous colectivos que contan con máis de tres décadas de traxectoria e que resultan esenciais para a revitalización e o uso social do galego.
Nesta edición o obxectivo era dar a coñecer o traballo dos servizos de normalización lingüística municipais e dos equipos de normalización lingüística dos centros educativos para contribuír á reactivación destes dous axentes fundamentais para a recuperación da lingua galega.
No encontro presentouse o informe elaborado polo Observatorio da Cultura Galega que analiza en detalle a situación actual destes servizos e equipos. A continuación desenvolvéronse mesas coloquio nas que se falou sobre o traballo dos servizos e equipos de normalización lingüística e experiencias do alumnado e do profesorado dos EDLG con diferentes propostas que nacen do compromiso.
A mañá completarase coa mesa de traballo sobre boas prácticas dos SNL, na que se exporán proxectos de éxito desenvolvidos por diferentes concellos e entidades, como os Obradoiros de Acollemento Lingüístico, Modo Galego. Actívao! ou Narón gaña co galego, entre outros.
O Consello da Cultura Galega convidou ao persoal técnico do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón a participar nunha mesa de traballo de boas prácticas no traballo dos servizos de normalización lingüística para falar dos proxectos En Narón, galego viaxeiro; Narón gaña co galego; e Xera, como exemplos de accións desenvolvidas nos ámbitos do turismo, o comercio local e a mocidade (para coñecer máis sobre estes proxectos pódese consultar a web do SNL www.naronengalego.gal> dinamización)
Pódense ver os Encontros no seguinte enlace: https://www.youtube.com/watch?v=vOIH4IIlNyQ

