Neste momento estás a ver 23 de novembro, Día de Narón

23 de novembro, Día de Narón

  • Categoría da entrada:Novas

O día 23 de novembro celébrase o Día de Narón. Desde 1993 conmemórase esta data que coincide coa da primeira acta oficial conservada do ano 1837, cando o concello se reunía no adro da igrexa parroquial de San Xiao de Narón.

A Pena Molexa, o mosteiro do Couto, a capela e a fonte de Santa Margarida, o muíño das Aceas, a Magnolia grandiflora de Xuvia, os castros, a presa do Rei, a Casa da Mocidade, o Pazo da Cultura, o Oenach Atlántico, o Samaín, o polígono do Río do Pozo, a Costa Ártabra, a ponte Pielas…. un rico patrimonio cultural, etnográfico e natural que fai de Narón unha cidade viva, moderna, interesante, con moito encanto e chea de tesouros algúns xa coñecidos e outros aínda por coñecer.

Narón está cheo de curiosidades, como por exemplo que a orixe do mosteiro do Couto se atribúe a uns monxes portugueses procedentes do mosteiro de San Martiño de Dumio que fuxiron dos ataques dos mouros; que a fonte de Santa Margarida no Val posúe dous canos: por un deles mana a auga de Santa Margarida que protexe contra o meigallo e o mal parto e polo outro a de Santa Lucía que cura os males da vista; que o muíño das Aceas foi unhas das principais fábricas de fariña de Galicia no s.XIX cando recibía trigo para moer de lugares como Ucraína ou América; ou que o magnolio de Xuvia, a árbore máis singular da nosa cidade, con douscentos anos de historia, ten un tronco de máis de seis metros de perímetro o que a fai ser un dos máis grandes de España.

Narón, cada 23 de novembro festexa o seu día, e para este 2022 o Concello de Narón programou diversas actividades para todos os públicos:

11:00 a 17:30 h Andaina “Barrios no camiño” (de Pedroso ao Couto. Inscrición previa no teléfono 633230054)

Praza 23 de Novembro (nas inmediacións do pavillón do Campo de Serra)

  • 12:00 a 13:00 h Teatro infantil con  Inventi Teatro A gran viaxe
  • 13:00 a 15:00 h Filloeira de Lestedo
  • 13:30 a 14:00 h Actuación do Grupo de Gaitas do Padroado da Cultura
  • 17:00 a 18.00 h Actuación musical infantil do grupo Migallas Cantaxoga
  • 17:15 a 20:00 Filloeira de Lestedo
  • 18:15 a 20:00 h Actuación musical do grupo Gin Tonic

Neste enlace pódese descargar o cartel de actividades programadas para o Día de Narón